Opinión

Por que modificaron o criterio?

A austeridade foi o concepto máis empregado no libro sobre as posíbeis solucións para a crise de 2008. Pola contra, o termo endebedamento aparecía no primeiro lugar da lista dos conceptos prohibidos. A caixa do gasto público había que fechala con seis cadeados, o endebedamento estaba prohibido… e cal era a solución? Cada cal tiña que buscar a súa.

Era unha verdade absoluta, non temporal senón para sempre. Outras alternativas e propostas eran propias de xente que vivía apartada da realidade, eran irreais, simples soños… e postos a valernos de palabras maiúsculas, eran diaños vermellos que se aplicaban en tentativas secretas para destruír a economía mundial. 

Ese é o ámbito de actuación que as autoridades económicas nos impuxeron á cidadanía e que a maioría das autoridades políticas se limitaron a acatar. Había que resignarse.

Aquela xestión carrexou moitas vítimas económicas e sociais por todas as partes, converteu en pobre a quen andaba xusto, e aos ricos fíxoos aínda máis ricos. Aquela fisura que se foi agrandando entre os diferentes grupos sociais aínda persiste despois de transcorrer dez anos. 

Agora, en cambio, aínda cando non nos aclararon que clase de apócema inxeriron, quen eran defensores acérrimos da austeridade apoian un aumento do gasto público, unha unha subida do teito do endebedamento e a proposición de ousadas políticas económicas. Menos mal. Por que será? 

Un sistema económico cuxo alicerce principal é o consumo non pode funcionar se se anula ese alicerce. Nesa rotonda da economía, é o automóbil do consumo o que ten prioridade sobre os demais automóbiles. O consumo esixe un soldo de antemán, e unha produción e unha venda posteriormente. Sen soldo, non hai consumo, e, sen consumo, non hai produción, nin repartición, nin vendas, nin impostos, nin servizos públicos, nin benestar… Parece elemental, non? Pois non o quixeron ver na crise de 2008, a pesar de que aquelas políticas económicas lles ocasionaron graves prexuízos na súa actividade monetaria. 

Deberemos andar atentos.

Comentarios