Opinión

De memorial en memorial

Quen non quere rectificar xamais rectificará. Nestes últimos anos repetíronnos até a saciedade que, na cuestión do chamado conflito vasco, non se deben facer discriminacións entre as vítimas. Que todas merecen a verdade, o recoñecemento e a reparación, a pesar de que cada cal teña as súas propias circunstancias. E que eses tres criterios básicos son universais para cada unha das vítimas.

Esta semana foi inaugurado en Vitoria o Centro para a Memoria das Vítimas do Terrorismo, coa presenza dos principais mandatarios de España –Felipe de Borbón, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez– e o lehendakari Iñigo Urkullu. Trátase dun proxecto concibido para ser un centro das vítimas de ETA, aínda que finalmente tamén se lles fixo un oco ás vítimas doutras organizacións tales como os GAL, esencialmente co fin de solicitar o apoio do Goberno Vasco, a Deputación de Áraba e o Concello de Vitoria, que están en mans do PNV. 

O Goberno vasco, principalmente a través do lehendakari Urkullu, leva anos defendendo que o tratamento das vítimas do conflito debe ser inclusivo, que é preciso ter en conta todas as vítimas, sen excluír ningunha, xa que todas sufriron a violencia. Unha mensaxe que Urkullu repetiu a semana pasada na presentación dunha iniciativa a favor da convivencia. Resulta difícil estar en desacordo con ese criterio.

Con todo, unha semana despois, o máximo responsábel do Goberno Vasco deixou pasar unha oportunidade de ouro –na inauguración do citado centro– para lembrar as vítimas da violencia perpetrada polo estado e para pedir aos mandatarios españois alí presentes que fixesen unha lectura autocrítica do pasado; é máis, podería terllo reclamado tan vehementemente como llo adoita reclamar unha e outra vez á esquerda abertzale. Pero os dirixentes marcharon sen escoitar palabra algunha respecto diso.

Onde se mostrarán entón as vulneracións dos dereitos que non alberga este memorial? Onde se mostrarán as bañeiras, os eléctrodos, as mantas, os grandes tomos telefónicos, os cartuchos de dinamita, as salas de interrogatorio, os billetes dos fondos de réptiles dirixidos a xornalistas, as armas...?

Nalgún edificio que non se construirá até dentro de vinte anos?

Comentarios