Opinión

Un medidor particular

Sempre que un preso político vasco sae do cárcere, e cando as súas amizades lle dan a benvida, certas asociacións de vítimas de ETA e algúns partidos e institucións públicas teñen tema de conversación para unha semana. Hai toda unha máquina preparada, ben engraxada, lista para pór en marcha o resto da maquinaria en canto alguén prema o botón.

Esta semana, un xornal español revelou que, sendo Felipe González presidente e estando o Goberno de España en mans do PSOE, o entón ministro de Interior José Luis Corcuera estaba ao tanto de que enviaran bombas a tres cidadáns relacionados coa esquerda abertzale. Unha desas bombas explotou mentres o carteiro José Antonio Cardosa introducía o paquete na caixa de correos dun deses tres cidadáns, en Errenteria. A explosión matou a Cardosa. A noticia xa era coñecida, pero o feito de que fose publicada por un medio español deulle máis proxección.

Que reaccións xerou o feito de que se sinalou dunha maneira tan notábel a un ex ministro socialista? EH Bildu pediu que o entón ministro de Interior socialista José Luis Corcuera e o actual ministro de Interior Grande-Marlaska comparezan no Congreso para dar explicacións. E pouco máis.

Hai unhas semanas, Sare, a organización a favor os dereitos dos presos, organizou unha marcha en Arrasate con motivo da prórroga da data de saída de prisión do preso político vasco Unai Parot. A maquinaria púxose en marcha inmediatamente, e o Goberno de España, co apoio do Goberno Vasco, preparou un acto na véspera para homenaxear as vítimas do membro de ETA Parot. 

Que dixeron eses dous gobernos sobre o atentado que matou o carteiro de Errenteria e sobre os responsábeis do asasinato? Nada. Segundo o medidor de gravidade do Gobierno Vasco, segundo o seu particular e interesada escala para medir que é aceptábel e que é denunciábel, é moito máis grave dar a benvida a un preso recentemente saído do cárcere que matar un carteiro nun atentado planificado polos aparellos do estado. 

E dirannos que todas as vítimas merecen o mesmo respecto... 

Comentarios