Opinión

Maneiras de ser 'euskaldun'

Aquí o verán empezou antes do habitual; non só o verán meteorolóxico, senón tamén o mediático. Na nosa profesión son coñecidas as serpes de verán; é dicir, as polémicas banais utilizadas para encher os medios de comunicación cando non hai nada importante que contar. A causante do adianto da serpe este ano foi a polémica arredor da maneira de ser euskaldun.

Gustaríame aclarar aos vosos lectores, María e Vicent, que na nosa lingua temos os termos euskaldun e euskal herritar para referirnos ao que en catalán chamades basc e en galego vasco. Chamamos euskaldun a quen sabe éuscaro, e euskal herritar a quen vive no noso país, fale éuscaro ou non. O primeiro termo está moi relacionado co coñecemento do idioma, e o segundo ten que ver coa nacionalidade. Eses dous termos dannos algo de traballo, pero na última década logrouse un amplo consenso en canto ao seu uso.

A cuestión é que recentemente o dirixente do PNV Joseba Egibar dixo que é o éuscaro o que nos converte en euskaldun, e díxoo precisamente en éuscaro. O seu partido, na tradución ao castelán, escribiu o seguinte: "El euskera nos hace vascos". Foi xustamente ese fallo o causante da polémica sobre a calidade de ser euskaldun/euskal herritar. Interesante debate.

Non cabe dúbida de que, afortunadamente, hai moitas maneiras de ser escocés, irlandés, catalán, galego, español, francés... Pódese ser irlandés sen saber irlandés, e pódese ser escocés sen saber gaélico. De feito, a maior parte dos habitantes de Escocia non sabe falar gaélico, e ninguén cuestiona a súa condición de escoceses. Pero, ser español sen saber castelán? Que clase de debate terían se o 30% da poboación oficial non soubese falar español? Acaso non dirían nada, non expresarían preocupación ou queixa?

No proceso de Catalunya aprendemos que o máis importante non é de onde proceden os cidadáns, senón cara a onde queren ir.

Felicidades a Vicent e aos traballadores de Vilaweb polo voso 25 aniversario neste vixésimo sétimo ano. Que fagades outros tantos ofrecendo un servizo moderno e de calidade aos cataláns catalanfalantes.

Comentarios