Opinión

A lingua no centro da cuestión

É un debate interesante, Vicent, o que nos expuxeches ao fío da situación que lle tocou vivir a Tanxugueiras, ese excelente e innovador grupo do país de María. Acaso existe algún estado que, dito na súa xerga, trate dignamente as linguas rexionais? Non moitos, polo menos na nosa contorna, xa que sempre as consideraron como un risco e non como un elemento complementario.

É certo, e lóxico á vez, que moitos movementos secesionistas da nosa contorna conten na súa base cunha lingua propia que foi marxinada durante séculos. A lingua determina a personalidade e constitúe un elemento fundamental na construción da idea de nación. Seguramente, non ocorrería así se cando se conformaron os estados esas linguas fosen respectadas e promocionadas, no canto de marxinadas, e se lles conferise un status pleno.

En cada lugar, aos partidarios da independencia teríalles resultado moito máis difícil conseguir un discurso que gozase de gran éxito, posto que non poderían denunciar que a metrópole lles estaba pisando a súa lingua. Pero non ocorreu así, e, agora, os estados teñen os problemas que teñen, que non son poucos.

O asunto do grupo Tanxugueiras dáme pé para contar aos nosos lectores máis novos un suceso que ti, Vicent, e os cataláns coñecedes moi ben, e que serve para comprender o que argumentei antes. En 1968, España debía elixir que cantante acudiría na súa representación a Eurovisión. Tiñan xa a canción La, la la…, creada polo Dúo Dinámico, pero faltáballes quen a cantase.

Ao final, elixiron o mozo catalán Joan Manuel Serrat para representar España. Serrat comezou unha campaña de aquí cara alá para dar a coñecer a canción; gravou unhas cantas versións en diferentes idiomas para a promoción, e, de súpeto, dixo que a cantaría en catalán no festival de Eurovisión que se ía a celebrar en Londres. Sete anos antes de que morrese Franco. A televisión pública de España non aceptou a decisión de Serrat, e finalmente elixiron a Massiel.

Massiel gañou, e o respecto ás linguas perdeu.

Comentarios