Opinión

De lea en lea até a derrota

Se nos últimos Xogos Olímpicos de Tokio se disputase a actividade deportiva “tiro no pé”, os independentistas cataláns terían gañado as tres medallas e todos os diplomas. Poderiamos dar mil explicacións para axudar a entender a intolerancia “cainita” que existe estes últimos anos entre os dous principais partidos independentistas cataláns (ERC e Junts), poderiamos detallar todas as análises elaboradas respecto diso, poderiamos tentar facer unha repartición rigorosa de responsabilidades... Mais non é posíbel explicalo.

Quen se vai sumar a un proxecto no que os responsábeis se encerellan constantemente en diversas disputas? 

Tendo en conta a evolución da cara mostrada polo Estado desde 2017, talvez non resultaría prexudicial recorrer á trillada pregunta cui prodest (a quen beneficia?), xa que naquel entón o Estado mostraba o aspecto de alguén angustiado e agora, en cambio, o de alguén bastante  despreocupado. Por que estaba angustiado en 2017? Porque a acción baseada na unión reunía con máis facilidade a xente ao redor da proposta: os que estaban convencidos, si, mais tamén os que non o vían tan claro. Mais quen se vai sumar a un proxecto no que os responsábeis encerellan constantemente en diversas disputas? Estes últimos anos, os estrategos españois están tranquilos vendo como se desangran os independentistas; tranquilos e felices. Que mensaxe captaron ERC e Junts na multitudinaria manifestación da Diada? Que lle van dicir os responsábeis deses dous partidos á cidadanía que conformou aquela manifestación? Que esta vez tamén a culpa é do outro? A multitude que participou non merece a irresponsabilidade que demostraron estes días os dous partidos ao redor de quen podía asistir e quen non á reunión entre o Govern e o Goberno de España. Dificilmente avanzará o proceso catalán se a actitude non muda.

Cando ao presidente español Pedro Sánchez lle fallou a carta de ampliación do aeroporto do Prat , xa non soubo que máis ofrecerlles aos cataláns; pois os investimentos son a parte máis importante da súa estratexia. Sánchez quedou tranquilo ao ver o último capítulo do enfrontamento entre ERC e Junts.  

Comentarios