Opinión

Irracional? Quen?

Se fixésemos unha clasificación dos conceptos máis utilizados por quen nega o dereito da cidadanía catalá a decidir o seu futuro, o concepto irracional aparecería nos primeiros postos. Os independentistas cataláns —e outros moitos que non o son— actúan de forma irracional porque están mal da cabeza, porque viven nun mundo afastado e irreal.

Que é ser irracional? Perpetrar un violento ataque a miles de cidadáns, tal e como fixo o Goberno español hai tres anos en Catalunya? Basta con reler as portadas que publicaron aquel día nas súas webs varios medios de comunicación de todo o mundo para advertir en que lado colocaron devanditos medios a carga da irracionalidade, no lado dos cidadáns que acudiron a votar ou no dos responsábeis políticos que ordenaron que lles machucasen a cabeza. Quedará gravado para sempre nas nosas retinas —e na conciencia daqueles políticos—o titular publicado na portada da web do prestixioso periódico británico The Times, reducido a unha soa palabra: «Shame». Vergoña. Nin todo o xel hidroalcohólico de limpeza de mans utilizado en todo o mundo durante estes últimos meses sería suficiente para que os dirixentes españois —tanto os de entón como os de agora— puidesen lavar aquelas imaxes.

O Tribunal Supremo español inhabilitou o presidente Torra no terceiro aniversario daqueles sucesos, por non acatar a orde de retirar unha pancarta que colocara oficialmente durante a campaña electoral para mostrar a súa solidariedade aos políticos represaliados. A razón, pois, non foi que andivese repartindo papeletas ao seu favor a escasos metros dos colexios electorais, nin que financiase a campaña do seu partido con diñeiro público. Non: a razón foi que se aferrou firmemente ao seu dereito de mostrar a súa solidariedade.

E é que, mentres sigan aferrándose con forza ao seu dereito para decidir, as e os cidadáns de Catalunya terán que seguir vendo e sufrindo máis casos como este. Resulta moi difícil gañar a final da Champions no Bernabéu ao Real Madrid cando o árbitro do partido é o propio presidente do Real Madrid.

Difícil, pero non imposíbel.

Comentarios