Opinión

Os idiomas sempre no centro da polémica

Os nosos amigos de Irlanda do Norte están animados por mor dos resultados das últimas eleccións. O pasado sábado tivo lugar en Belfast unha manifestación de 15.000 persoas que reivindicaban a oficialidade da lingua local, o gaélico irlandés. Eles, os membros de Sinn Féin, que resultaron vencedores nas eleccións, prefiren chamalo irlandés en lugar de gaélico irlandés.

O idioma non se atopa nunha situación exemplar: non é totalmente oficial en Irlanda do Norte e, aínda que si o sexa en Irlanda do Sur, está totalmente nun segundo plano. O segundo caso é máis grave tendo en conta que alí é unha lingua oficial desde 1922. O goberno do Reino Unido esta semana presentou na Cámara dos Lores o proxecto de lei que pretende oficializar por completo o irlandés en Irlanda do Norte, e fíxoo 24 anos despois de que en 1998 se asinase o Acordo de Venres Santo froito dos diálogos sobre a paz.

Se a lei se aproba en Westminster, o irlandés contará con protección oficial; necesitaraa, debido a que durante anos sufriu un gran boicot por parte dos unionistas nos condados do norte. Pero os membros de Sinn Féin tamén teñen algúns aspectos que mellorar. Martin McGuinness foi ministro de Educación sen saber irlandés.

En Catalunya, pola contra, algúns maxistrados pretenden borrar o camiño percorrido até o de agora, destruíndo o acordo político e social que existiu durante décadas en torno ao catalán. Pretenden facer pola vía xudicial aquilo que non se atreven a facer pola vía política, argumentando que é máis transparente –quen apoia o ataque non teñen poder suficiente nas institucións–. A resolución xudicial que dita que o uso do español debe ser do 25% nas aulas é unha clara mostra desa tendencia. Está por ver se o acordo obtido esta semana entre os catro principais partidos basta para frear o ataque.

A recuperación do irlandés en Irlanda do Norte levará o seu tempo, tal como ocorreu na maioría de sitios. Soamente falta que, do mesmo xeito que en Catalunya, os resultados que obteñan do traballo das próximas décadas quede arruinado por uns maxistrados xacobinos nomeados por Londres.

Comentarios