Opinión

A era da enerxía pública

Para países tan pequenos como o noso é moi importante que teñamos ao alcance da man todos os elementos relacionados coa enerxía: xeración, elaboración, distribución e venda/cobro; non só porque somos pequenos, senón tamén porque debemos e queremos facer as cousas doutro modo.

Até hai pouco, debido a que quen controlaba o negocio da enerxía así o querían, se non se dispuña de petróleo e de gas, era imposíbel ter capacidade de xerar enerxía. Afortunadamente, grazas á coordinación de labor de moitos científicos comprometidos e da presión da comunidade ecoloxista, durante estes anos aumentou moito a posibilidade de xerar enerxía limpa, lonxe do control das insaciábeis garras das avariciosas empresas.

Non é sorprendente que as conferencias oficiais de COP26 que se están realizando en Glasgow susciten pouca ilusión e moitas críticas tanto entre os especialistas comprometidos coa verdadeira ecoloxía como entre os cidadáns, posto que esas conferencias corren o gran risco de converterse nunha simple pasarela da comunidade política. Trátase dun enorme acto de hipocrisía ao redor duns compromisos que non se van cumprir, a propósito de que os verdadeiros acordos —eses que si van cumprir fielmente— son os que adoptaron as autoridades políticas e financeiras en Davos. 

O noso tamaño é o idóneo para unha xestión pública da enerxía

Que poden facer países tan pequenos como os nosos para inverter esa situación? Primeiramente, as entidades teñen que tomar a iniciativa, teñen que empoderarse —como se di hoxe en día—, e actuar con valentía ante esas empresas de enerxía ás que lles preocupa máis a súa conta corrente que os intereses da cidadanía. Durante décadas gañaron bastante, contaminando canto quixo, cando sabían perfectamente que podían contaminar moito menos. A esas empresas tamén haberá que esixirlles que fagan «unha lectura crítica do pasado», e que recoñezan que prexudiciais foron para a saúde da cidadanía, cando o podían evitar en gran medida. Ou seica esas empresas están baixo o amparo do manto da virxe de Begoña?

O noso tamaño é o idóneo para unha xestión pública da enerxía, para pór ao servizo de todos o que é de todos: a auga, o sol, o vento, as ondas... É necesario debater de maneira seria sobre o modelo de empresa pública que vai xestionar a enerxía, debido a que o aumento do prezo da electricidade puxo este debate ao noso alcance.

Comentarios