Opinión

Dificultades en Belfast para superar o bloqueo

Entre as nacións sen Estado, hai algunhas que chegaron máis lonxe nos seus propósitos. Un bonito e interesante exercicio podería consistir en tratar de adiviñar cal delas ten a maior posibilidade de cumprir o seu desexo, a saber: Escocia, Catalunya, Irlanda do Norte… Quedan fóra da lista, en cambio, Euskal Herria e Galiza, ambas as dúas máis atrasadas que as nacións xa citadas.

É certo que este exercicio resultaría máis sinxelo se existise unha soa vara de medir, pero, dado que a política non é unha ciencia exacta, son moitos os factores que poden exercer a súa influencia. Escocia e Catalunya queren a independencia, mentres que Irlanda do Norte quere formar un só Estado uníndose a Irlanda do Sur.

Tendo en conta o acordo de Venres Santo de 1998 e do apoio político do que goza o seu proceso, por agora parece que en Irlanda do Norte están máis perto do seu obxectivo. Segundo estabelece o acordo, é a cidadanía norirlandesa quen decidirá se desexa seguir no Reino Unido ou se prefire unirse a Irlanda do Sur. Ese é precisamente o acordo máis relevante obtido polo Sinn Fein a cambio de que IRA cesase na súa loita armada, e é tamén, por tanto, a cuestión que maiores dificultades implica.

Pasado case un ano desde as eleccións celebradas en maio en Irlanda do Norte, o principal partido unionista, DUP, segue bloqueando a formación dun Goberno, porque non quere que o cargo de primeiro ministro quede en mans do Sinn Fein, o vencedor daqueles comicios.

O acordo asinado fai un cuarto de século estabelece que o Goberno deben formalo os principais partidos de ambas as dúas comunidades –republicanos e unionistas–, pero non especifica ningunha vía que poida servir para desbloquear a situación actual, polo que DUP podería prolongar esta paralización mentres así o desexe.

O bloqueo, en consecuencia, deixa no aire unha dúbida considerábel á que nalgún momento haberá que achar unha solución: se non existe unha opción legal para vencer o bloqueo de DUP, seica existe algunha garantía de que ese mesmo partido non impedirá levar a cabo o referendo recolleito no acordo?

Non cabe dúbida de que DUP non aceptará actualizar o pacto introducindo certos cambios nel, pois o partido está convencido de que devanditos cambios beneficiarán o Sinn Fein. É máis: non o aceptará nin sequera a pedimento de Joe Biden, presidente dos Estados Unidos de América.

Comentarios