Opinión

Dez anos en branco e negro

Na próxima cuarta feira faranse dez anos desde que ETA decidiu pór fin á súa actividade armada. Son poucos anos para as vítimas de ETA, e moitos para os presos políticos vascos que seguen en prisión. Esa decisión, despois dun camiño longo e escabroso, materializouse na Conferencia de Aiete un 17 de outubro, grazas ao gran labor que realizaron silenciosamente moitas persoas tanto no noso territorio como fóra del. Seis personalidades internacionais asinaron unha declaración de cinco puntos na que se lle pedía a ETA que cesase definitivamente a actividade armada. Ese era o primeiro punto. Tres días despois chegou a firme decisión de ETA de dar por finalizada a súa actividade armada. 

A Conferencia de Aiete non era o final acordado que ETA perseguira durante tanto tempo, e tampouco se parecía ao acordo de Stormont, unha gran referencia para ETA e para a esquerda abertzale, xa que servira para dar fin en 1996 ao conflito armado de Irlanda do Norte, co apoio político e diplomático de Belfast, Dublín, Londres e Washington. Pero, coñecendo a actitude que tiñan entón os gobernos de España e Francia, a Conferencia de Aiete foi a mellor e máis efectiva que puido ter lugar. 

ETA cumpriu coa declaración de aiete, os gobernos de Francia e España non fixeron o requirido

O feito de que entre eses seis promotores se atopase Kofi Annan, o exsecretario xeral da ONU, deunos dúas pistas. A primeira, que ETA aceptaría o que lle pedían, e que a decisión chegaría rápido. A segunda, que o Goberno de España estaba ao corrente de que a Conferencia de Aiete ía ter lugar; é dicir, que os seis promotores contaban co visto e prace diplomático de Madrid para participar no evento. O respecto diplomático do que tanto se fala na política internacional.

ETA cumpriu co que se requiría na declaración; os gobernos de Francia e España, en cambio, non fixeron o que se lles pedía no segundo punto: falar con ETA sobre as consecuencias do conflito. O cuarto punto pedía consultar á cidadanía sobre temas políticos. 

O Goberno de España, unha vez repatriados ou achegados os presos vascos, acabou coas políticas penais de vinganza. Agora fáltanos conseguir que todos queden libres.

Comentarios