venres 24/09/21

A debate quen se levantará

Xorde de cando en cando, non renuncian a facelo, non retrocederon e seguen niso. Os gobernos, e os poderes que realmente mandan, sempre trataron de controlar os medios de comunicación, e, de paso, restrinxir a liberdade de expresión. De maneira máis ou menos ruda, dependendo do sistema político: de forma moi violenta nas ditaduras, e dun modo máis sutil nas democracias.

Esta semana soubemos que o Goberno de España, que xa ten de antes bastantes leas, quere neutralizar as forzas ocultas que están a tentar manipular a sociedade mediante mentiras, e que, para iso, vai crear unha comisión que será a encargada, dito dunha maneira simple, de decidir que é verdade e que mentira. Durante estes últimos anos falouse moito de que grazas aos denominados bots os informáticos ao servizo do Goberno de Rusia exerceron unha grande influencia na vitoria electoral que obtivo Donald Trump hai catro anos. Seica foi para tanto?

No proceso de Catalunya tamén dixeron o mesmo: é dicir, que moita xente se deitou sendo autonomista e espertouse sendo independentista, como consecuencia das mensaxes que lles enviaban eses bots. Xa coñezo maneiras máis suaves de chamar parva ás persoas.

O Goberno de España quere neutralizar as forzas ocultas que están a tentar manipular a sociedade mediante mentiras

Aproveito que nos atopamos entre directores para mencionar algo que me sorprendeu estas últimas semanas, con respecto ás eleccións doss EEUU. Ao considerar que o presidente Trump estaba a facer acusacións de fraude electoral sen ter ningunha proba, as cadeas CNBC, AB, CBS e Fox decidiron interromper a emisión en directo das súas roldas de prensa. Parécevos acertada esa actuación, María, Vicent? Ao meu parecer, trátase dunha das controversias máis estimulantes que xurdiron durante estes últimos anos con respecto ao noso oficio.

Paréceme moito máis grave que o estar mintindo o feito de sacar á forza da sala da rolda de prensa ao xornalista que nese momento está a exercer o seu traballo con todo respecto; pois, iso é o que fixeron os axentes de seguridade de Trump, debido a que lle desagradaron as preguntas do xornalista. E ningún outro xornalista dos que había alí abandonou a sala, digamos, en acto de solidariedade.

Nunha entrevista realizada cara a cara, é lícito que o reporteiro se levante porque a persoa entrevistada está a mentir? Ou é a persoa entrevistada a que se debería levantar porque o xornalista presionouna con preguntas incisivas?

comentarios