Opinión

Coa metralleta ao lombo pola rúa

Sempre se dixo que os EEUU son un país de contrastes; é dicir, que sen ter que moverse moito, pódense observar os dous extremos. Unha cousa e a súa contraria.
Non vos parece sorprendente (paradoxal, incomprensíbel, desesperante, esgotador…), María e Vicent, que nese Estado onde se sitúa a Capela Sixtina da tecnoloxía dixital mundial, Silicon Valley (California), aínda só se fixo o reconto do 74% dos votos, tras transcorrer máis de 24 horas desde que fecharon os colexios electorais? A razón non pode ser que vive moita xente nese Estado que se fose soberano constituiría a oitava potencia mundial. No mundo existen moitos estados moito máis poboados que California, onde o reconto de todos os votos finaliza a noite mesma de cada comicio.

É sorprendente con que facilidade acaparan os estadounidenses a atención de medio mundo; pero unha vez que asumimos iso, que lles custa facer ben e rápido as cousas. Que se dean unha volta por Cupertino. 

De sorprendente a aterrador. Estou seguro de que a moitos lectores dos nosos medios de comunicación lles parecerá unha verdadeira burrada que a cidadanía dos EEUU teña dereito a posuír armas no seu domicilio. Téñennos afeitos a iso, e son coñecidas as consecuencias que carrexa esa maneira de actuar. Pero, de aí a que a xente saia á rúa coa metralleta ao lombo, tal e como puidemos ver nas concentracións postelectorais…

Estamos a ver imaxes que nunca se viron até o de agora, o cal quere dicir que certos sectores decidiron dar o salto, chegar máis lonxe que nunca, e desafiar as entidades públicas. Se non se interrompe de inmediato esa corrente incipiente, córrese o grave risco de que se pase de ataques contra escolas a guerrilas rueiras.

Por onde se pode empezar a modificar esas maneiras de actuar? Que labor han realizar as institucións públicas e as estruturas sociais (escolas, dirixentes da comunidade, axentes sociais, medios de comunicación…) para que se invalide devandito «dereito»?

O novo presidente xa contaba cun déficit máis que suficiente, como para que se lle engada estoutro.

Comentarios