Opinión

Cantos casos como o de Atristain?

Hai moitos anos que na nosa terra se vén denunciando que o único motivo para condenar a moitos dos acusados relacionados con ETA —xa fosen acusados de pertenza ou de colaboración— foron as autoinculpacións rexistradas pola policía durante o período de incomunicación; autoinculpacións ou inculpacións de terceiras persoas. Aínda que, na oración anterior, na maioría dos casos, sería máis realista falar de "inculpacións obrigadas" que de "inculpacións" a secas.

Houbo ocasións nas que persoas que non cometeron ningún delito víronse obrigadas a cumprir varios anos de prisión até que finalmente chegou a confesión da persoa que realmente o cometeu.

Dixen a miúdo, tamén en público, que para o alumnado de dereito penal resultaría realmente interesante examinar cantos presos tiveron que cumprir condenas de prisión en relación con ETA como consecuencia dunha autoinculpación rexistrada en comisaría; sen testemuñas, sen vídeos, sen escoitas, sen probas de ADN... Non cabe dúbida de que lles ocorreu a moitos.

Nos últimos anos, non con gran frecuencia, os maxistrados da Audiencia Nacional española absolveron a algúns acusados debido a que a autoinculpación era a única proba na súa contra; en ditos casos, os maxistrados declararon sen reservas na súa sentenza que a incomunicación e a garantía xudicial son incompatíbeis. É dicir, que no caso de que o acusado non confirme, senón que desminta no xuízo a confesión que fixo en comisaría, a declaración do xuízo debe prevalecer por encima da autoinculpación rexistrada durante a incomunicación.

En xaneiro, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos declarou algo similar. A policía impedira —co beneplácito do xuíz, dito sexa de paso— ao detido Xabier Atristain declarar en comisaría en presenza dun avogado de confianza, polo que o Tribunal de Estrasburgo, ademais de determinar que aquilo foi unha vulneración dos dereitos de Atristain, impuxo unha vez máis unha sanción ao Reino de España. Dese modo, en cumprimento da resolución dos maxistrados europeos, o pasado febreiro a Audiencia Nacional puxo finalmente en liberdade a Atristain. O caso está agora en mans do Tribunal Supremo, que terá que decidir se reitera dita posta en liberdade ou require un novo xuízo.

Cantos casos similares ao de Atristain terían lugar nesta última metade de século?

Comentarios