Opinión

A cantidade de Ferraris diante da casa

María, seguín moi atentamente a polémica e o enfado xurdidos por mor de que unha xuíza se referiu a un pobo pequeno da Galiza como “a Galiza profunda”, reaccións totalmente comprensíbeis, desde o meu punto de vista. Á hora de denegar a custodia da súa filla a unha muller que vive nunha pequena localidade da Galiza, unha xuíza de Marbella (Andalucía, España) argumentou que a nai vive nunha vila pequena. En realidade, trátase dunha localidade que forma parte do municipio de Muros, que conta con 8.500 habitantes, mais ese non foi o único argumento que deu para ceder a custodia ao pai. 

A xuíza comparou os servizos que ofrece Marbella –150.000 habitantes–, onde vive o pai, cos que ofrece a mencionada localidade da Galiza, ou, mellor dito, cos que non ofrece. Considerou moito máis adecuado, sen un chisco de vergoña, que a filla sexa criada en Marbella. Podía dicir que Marbella é unha cidade de mentira repleta de luxos, o agocho de moitos mafiosos europeos, o paraíso dos mandatarios absolutistas dos  Emiratos, e que, por tanto, non é un lugar en absoluto apropiado para unha nena. Pero tomou o camiño fácil, o dos tópicos cheos de prexuízos. 

Postos a soltar disparates, e tendo en conta que nos Estados Unidos 16 millóns de habitantes pensan que o leite chocolatado procede de vacas de cor marrón, podía dicir que se a nena crecese en Marbella tería moitas posibilidades de crer que o leite vén dunha árbore que produce tetrabriks. 

No noso territorio, unha vez un xornalista residente en Donostia chamou “Guipúscoa profunda” a Arrasate, que precisamente é, moi probabelmente, unha das vilas que contan con máis enxeñeiros por metro cadrado. Así é a ignorancia, a  chulería dalgúns habitantes das grandes cidades, que pensan que nos lugares pequenos non hai un modo de vida que mereza a pena. 

O problema é que foi unha xuíza a que manifestou iso, e que o dixo nunha sentenza que decide quen queda coa custodia dunha nena, con todo o que iso leva consigo. É alentador, María, ver que se creou semellante movemento na Galiza para reivindicar a dignidade dos lugares pequenos e demostrar á xuíza que á hora de criar unha filla a clave é o amor, e non a cantidade de Ferraris que haxa diante da casa. Que bo o polbo de Muros.

Comentarios