Opinión

Cando a subida é tan rápida

Ás subidas meteóricas normalmente séguelles unha baixada igual de rápida, xa que é moi difícil que unha subida así sexa o suficientemente forte como para aguantar ante os fortes ventos que se crean –que lle crean?– no alto. O mesmo ocorre a quen sobe demasiado rápido a montaña, a quen expande cegamente as sucursais dun banco… Hai excepcións, pero son máis os que se dan o golpe.

Pablo Iglesias xa nos daba bastantes pistas cando anunciou que abandonaría o Goberno de España e que se dispuña a salvar Podemos en Madrid, ao que xa lle prognosticaban un futuro moi negro nas enquisas. “Este quere deixar a política, e servir por última vez ao seu partido”, dixemos moitos entón, tentando buscar algunha explicación a unha actuación totalmente ilóxica. Renunciar ao altofalante que brinda a Vicepresidencia para ser o ministro autonómico do terceiro partido dun Goberno de esquerdas que só podería formarse de aliñárense todos os astros?

Yolanda díaz terá unha boa oportunidade para cambiar a tradición xacobina das últimas décadas

No discurso de dimisión que deu a noite da terza feira, confesou, moi convincentemente, que é un tapón para o desenvolvemento de Podemos, corroborando en voz baixa o que as enquisas xa dicían: que os que non o aprecian rexéitano e que así é moi difícil seguir adiante e tecer alianzas. Non hai máis que ver os bos resultados obtidos por Más Madrid, aínda renunciando a presentarse en coalición –ou grazas a iso–. A escisión que renunciou a formar unha coalición obtivo o dobre de apoio que os seus ‘proxenitores’. Iso é moi duro.

Está por ver como progresa Podemos sen Iglesias, xa que foi a figura de Iglesias a impulsora do seu rápido ascenso, pasando da rúa á Moncloa nun período de sete anos. Non hai máis que lembrar os magníficos resultados obtidos no noso país nas eleccións de 2015.

Iglesias nomeou substituta, pola súa conta, a galega Yolanda Díaz. É membro do partido comunista PCE, que non mostrou moita sensibilidade respecto ás realidades nacionais dos nosos tres territorios. Agora terá unha boa oportunidade para cambiar a tradición xacobina das últimas décadas.

Comentarios