Opinión

Un cambio de estratexia evidente

O mércores soubemos que o Goberno Vasco e EH Bildu acadaron un acordo sobre os orzamentos de 2022. É convinte lembrar aos vosos lectores, María e Vicent, que os partidos que forman o Goberno Vasco, PNV e PSE, contan coa ampla maioría no Parlamento Vasco. É dicir, que para os dous partidos mencionados non era preciso pactar para aceptar os orzamentos do ano que vén. O Goberno vasco e EH Bildu acordaron partidas dun gasto de 253 millóns a cambio de que EH Bildu se absteña. 

O panorama político de Euskal Herria está a mudar moito en pouco tempo, sobre todo da man de EH Bildu; algunhas veces por pura necesidade, outras veces debido a un cambio de estratexia. EH Bildu segue a soster inevitabelmente, non sen coste algún, o Goberno de Navarra, encabezado polo PSN de María Chivite. Se non fose así, estaría no Goberno a dereita antivascófila de Nafarroa, o que traería consecuencias facilmente imaxinábeis. EH Bildu quere impedir que iso pase, custe o que custe. Acontece algo parecido no Congreso español, xa que o PSOE precisa os votos de EH Bildu, e de moitos outros, para obter a maioría. 

O panorama político en Euskal Herria está a mudar moito en pouco tempo, sobre todo da man de eh bildu; ás veces por pura necesidade, outras debido a un cambio de estratexia

Do contrario, formarían goberno o PP e Vox. Igual que en Nafarroa, EH Bildu dá o seu apoio ao Goberno de PSOE e Podemos a cambio de certas melloras. No entanto, cualitativamente falando, o acordo acadado esta cuarta feira require unha lectura distinta. Como se mencionou anteriormente, o PNV e o PSE non precisaban os votos de EH Bildu, pero alcanzaron un acordo. 

Os dous bandos podían terse fechado a porta os uns aos outros e continuar na postura que historicamente mantiveran até agora. Non foi así. EH Bildu levaba uns cantos anos dicindo que sería imposíbel acordar os orzamentos cos jeltzales de non ser que se tratara dun acordo sólido no marco da construción nacional. O cambio de estratexia e de imaxe é evidente. EH Bildu é moi crítico respecto á política lingüística do Goberno vasco, pero non incluíu o reforzo das políticas do euskera na lista de peticións para o acordo. E non me refiro ao diñeiro. 

Comentarios