Opinión

Beriain e Fraile no recordo

Tiña pensado escribir a columna de hoxe sobre a tensa situación política de España ou sobre as tan difíciles como eternas negociacións para formar goberno en Catalunya. Con todo, na pasada terza feira mataron dous xornalistas do noso país en Burkina Faso e, nesta mesa formada por xornalistas, gustaríame dar prioridade á morte destes dous profesionais comprometidos. Cada ano, aos novos estudantes de xornalismo que veñen no verán a facer as súas prácticas na redacción, dígolles que a nosa profesión —o xornalismo— é a máis fermosa do mundo, e que acertaron ao elixir Xornalismo entre todos os estudos universitarios; que non se farán ricos, mais que merece a pena.

Aos xornalistas audiovisuais David Beriain e Roberto Fraile matáronos na terza feira nun ataque, e fará falta tempo para aclarar como e por que ocorreu.

Os xornalistas como Beriain e Fraile viven en situacións moi extremas para que nós vexamos os seus traballos 

Ambos gañaron o respecto e a admiración dos seus compañeiros polo traballo profesional e comprometido que levaron a cabo durante anos. Estiveron en primeira liña en conflitos de todo o mundo e, aínda que eran conscientes do risco que asumían, aferráronse á súa vocación: pór ao descuberto as realidades que uns poucos desexan esconder. Os xornalistas como Beriain e Fraile viven en situacións moi extremas para que nós vexamos os seus traballos desde a comodidade da nosa cadeira de brazos. Ademais, en moitos casos —e aínda que pareza mentira—, fano en condicións moi precarias, non teñen traballo fixo e venden os traballos realizados por poquísimo diñeiro. É a contradición da nosa profesión; canto máis dura sexa a situación, peores son as condicións laborais.

Paraa a nosa propia vergoña, só nos acordamos deses xornalistas cando os secuestran ou matan, e non ao ver as imaxes tomadas por eles. Non estaría mal que, cada vez que vexamos imaxes dese tipo, nos lembrásemos, aínda que só sexa por un momento, de que son froito do traballo realizado por xornalistas que están a arriscar a súa vida.

A pesar disto, este verán tamén direi aos estudantes en prácticas que o xornalismo é a profesión máis fermosa do mundo.

Comentarios