Opinión

Até cando este clima de división?

Menos mal que os maxistrados do Tribunal Superior de Catalunya adoptaron rapidamente unha decisión sobre as eleccións, grazas a que se impuxeron a si mesmos o 8 de febreiro como data límite. E decidiron algo que todos esperabamos: que as eleccións decorran o vindeiro domingo.

Non resulta novo afirmar que os partidos independentistas chegan divididos e con malas relacións entre eles, debido a que esa foi a tónica desde outubro de 2017. Ou incluso antes.

Desde a distancia, as situacións percíbense máis sinxelas e simples, e estou seguro de que tanto en Quebec –en 1995– como en Escocia –en 2014– terían as súas disputas, as súas diferenzas e as súas palabras maiores. Pero, como Catalunya nos queda máis preto, non só xeograficamente senón tamén nas nosas mentes e corazóns, os conflitos entre os nosos amigos cataláns resúltannos máis evidentes. Aos xornalistas pregúntannos a miúdo sobre o futuro do proceso catalán, e non hai unha posíbel resposta positiva, vista a división e a aversión entre os partidos independentistas: «Non chegarán lonxe a non ser que actúen unidos».

Hai preocupación sobre as consecuencias da división nos resultados do domingo. Só falta que se supere o listón do 50%

Ao principio do proceso, os politólogos cataláns dicíannos que non había de que preocuparse polo adverso clima de división, que era algo habitual neste tipo de procesos e que, unha vez superada esa crise, volverían ao clima de cooperación que reinou ao principio do proceso. 

Creo que o tempo dedicado a que a situación se aclare está a alongarse moito, e gustaríame saber se a animadversión que se profesan os responsábeis dos partidos se trasladou tamén aos militantes, e, o que é peor, á cidadanía independentista que non milita nos partidos. Foi admirábel a colaboración que se produciu nos pobos desde o inicio do proceso, sen preguntar ao do lado de onde era, de onde viña ou a quen lle dá o seu voto. A cadea humana que formou a Diada de 2013 reflectiu perfectamente ese clima de colaboración que agora falta.

Está moi estendida a preocupación sobre as consecuencias que esa división poida ter nos resultados do domingo. Só falta que se supere por primeira vez o mítico listón do 50% e que a división sexa maior que nunca.

Comentarios