xoves 27/01/22

Até arriba de traballo nos nosos países

María e Vicent, deséxovos un ano novo cheo de saúde, un desexo que está máis xustificado que nunca nestes tempos nos que todo está patas arriba. Estamos e téñennos nun estado de incerteza constante, sen saber canto vai durar esta situación.

Un día insinúan que cada seis meses imos ter que volver vacinarnos, e ao día seguinte dinnos que pode que esta sexa a última vaga grave da Covid-19. Así non hai maneira de evitar os altibaixos anímicos.

Malia que non guste, esta situación minora todos os plans, ás veces porque é imposíbel levalos a cabo, e moitas outras porque nos provoca un bloqueo mental. Aos países pequenos como os nosos non lles veñen ben eses bloqueos mentais, xa que temos moito traballo por facer en moitos campos distintos, e non nos convén que se prolongue no tempo. 

Este ano que comeza tráenos un ambiente preelectoral a quen vivimos ao sur dos Pireneos; o ciclo das eleccións rexionais xa comezou, e os resultados dos comicios poden condicionar a duración do Goberno actual de España. 

En Catalunya, aos problemas que había anteriormente sumouse a disputa sobre o modelo lingüístico educativo, cunha gran presión condicionante. O procés, segundo capítulo, así o chamaríamos se se tratase dunha serie, e pode que sexa incluso máis determinante -no camiño cara á independencia- que o referendo do 1 de outubro de 2017.

En Euskal Herria seguiremos prestando atención ás consecuencias non resoltas do conflito, para que os prezos que aínda non foran trasladados ás prisións de Euskal Herria sexan desprazados cando antes. Iso daríanos a oportunidade de entrar na segunda fase: a de pór en marcha un proxecto para, dun modo ou outro, liberar presos que se atopen nunhas determinadas situacións. Vai custar, pero hai que conseguilo.

Na Galiza tamén estaredes até arriba de traballo os próximos 12 meses, tratando de desgastar a sólida maioría do PP para formar un Goberno que considere a Galiza unha nación con dereitos. Iso é imprescindíbel para poder avanzar no autogoberno. 

Non nos falta traballo a ningún dos nosos tres países. 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Até arriba de traballo nos nosos países
comentarios