Opinión

Ascenso en Iparralde

Como vós en Catalunya do Norte, Vicent, o pasado domingo tamén nós tivemos en Iparralde (Euskadi Norte) a primeira volta das eleccións departamentais.

Estas eleccións non son as máis importantes para a nosa cidadanía, tal e como demostrou o grado de abstención. Se engadimos a pandemia á valoración destes comicios, a alta abstención resulta fácil de comprender. 

Entre as listas abertzales, unicamente concorreu EH Bai -son abertzales de esquerda-. A diferencia do que acontece en Hegoalde (Euskadi Sur), o PNV ten moi pouca forza en Iparralde, polo que non presentaron a súa propia lista. As eleccións municipais son as máis prezadas para os votantes abertzales, xa que é o instrumento máis axeitado para recoller e medir o froito do traballo realizado pobo por pobo. Ao non poder competir en ligas superiores, é natural que os partidos pequenos dean prioridade ás eleccións municipais, xa que para ascender é imprescindíbel traballar primeiro apropiadamente a base. O traballo realizado pola CUP en distintos pobos durante décadas é moi bo exemplo de como se pode medrar partindo desde abaixo. 

Tras varios anos sen poder avanzar, na última década os abertzales de esquerda tiveron un ascenso constante

Tras varios anos sen poder avanzar, na última década os abertzales de esquerda tiveron un ascenso constante, e, a falta de datos máis precisos, poderíamos dicir que teñen unha boa acollida entre as xeracións máis mozas, o cal significa que se están a situar ben para o futuro. Pese ao aumento da abstención este domingo, EH Bai subiu consideradamente en votos. 

Vós, María, non tedes a mesma división territorial que temos nós e os cataláns. Galiza, a non ser que nos digades o contrario, está formada por catro territorios, sen ter en conta a afastada Buenos Aires e a algo máis próxima Trintxerpe. Iso supón unha gran vantaxe á hora de deseñar e levar a cabo un proxecto nacional. Voso “os catro en un” é máis sinxelo que o noso “os sete nun” e o “os catro en un” dos cataláns. 

Este é o último artigo da tempada. Foi un pracer ter estado con vós compartindo este espazo cada domingo. Que pasedes un bo verán, que descansedes, e volverémonos atopar en setembro. A ver se podemos darnos boas novas. 

Comentarios