Opinión

WhatsApp á mocidade

De cando en vez viaxo ao pasado para non esquecer o rapaz que habitou este corpo. Nese percorrido emprazo a miña disipada memoria a recuperar sensacións, relatos e vivencias que sexan quen de alimentar o presente. Fun un mozo que cando tiña a vosa idade xa era maior e aprendía dos grandes, e agora son un home de mediana idade que olla con interese o voso futuro en construción, ben sexa na consulta, na rúa, nas redes, no activismo ou na docencia da medicina. Sempre detestei a idealización do vivido sintetizado nalgunhas frases que me chegaban cando era novo; "a música que escoitabamos era mellor que o lixo que soa na radio nestes tempos", "o noso si que era unha loita polo importante e non a parvada actual", "a nós non nos regalaron nada". Lembro que cando isto acontecía eu pensaba, "os que non sodes os mesmos sodes vós". Traducir as nosas vivencias nun código de valores incomparable é facerse trampas ao solitario. Agora, 25 anos despois, cando escoito a moitos coñecidos empregar o reggaeton, o atoutune, a frivolidade, o tiktok, o desarraigo e o egoísmo dunha "xeración de cristal" como arma arrebolada cara a mocidade entro en pánico. Alguén debería limpar os nosos retrovisores.

Cada vez que lle preguntan a Beiras por que non fai unhas memorias el resposta: "As memorias sempre menten". A nosa faino cando exerce de xuíz e parte e semella esquecer a crise da década pasada, a realidade ateigada de fake news, os límites do planeta, a pandemia que vos roubou anos de vida, este capitalismo que non dubidará en pasarvos por riba se non ten marxe de beneficio, a vosa identidade esvaecida e o déficit de horizontes vitais. A imaxe do pasado que idolatramos converteuse nunha fraude no voso presente.

Ben sei que sodes quen en tempos convulsos de distinguir aos "Cayetanos de pulseiriña" do resto, tamén que construídes dende a diversidade sen sectarismos fronte ao berro de moitos. Ao mellor nesa distinción habita un rastro de esperanza, aquela que di que non hai democracia sen república, igualdade sen feminismo, vangarda sen tradición, nin futuro para este país que poida ser construído coa vosa ausencia. Que ninguén escriba o guión que vos corresponde.

Comentarios