Opinión

Os chanzos da dor

Escribo este artigo cunha dor de moas aliviada vía farmacia mentres agardo pola cita coa odontóloga. O meu sistema nervioso exerce de emisario do estado dunha das miñas pezas dentais. Faino de maneira persistente cunha intensidade loable, sen deixar indiferentes o meu ouvido e ollo dereito. Se son capaz de ignoralo e decido comer ou beber, desencadea unha tormenta de Abril no ceo da boca que me obriga a contar os segundos entre o trono e os lóstregos, para saber a que distancia está o foco emisor. Episodios anteriores de malestar permanecen vixentes na miña memoria, graduando a lembranza segundo a intensidade. Un é capaz de esquecer nomes, lugares ou momentos, mais nunca a pegada dunha apendicite, un cólico nefrítico, un traumatismo ou unha molestia dentaria, que son quen de ofrecernos unha viaxe nidia ao pasado a pesar dos anos transcorridos.

A dor alerta na vida e nalgunhas ocasións anuncia a súa fin. Sempre é molesta e necesaria no primeiro dos casos e algo a erradicar no segundo. Vivir doe, pero a morte non precisa de ventos que a anuncien. Ás veces ten vocación de acompañante perpetua nunha maridaxe co día a día daquel que o percibe. Noutras ocasións realiza visitas curtas e intensas. Na consulta da Atención Primaria está en boca de todos, sendo difícil descifrar se vai ou vén, se sube ou baixa. Nese percorrido nalgunha ocasión amósase como o síntoma dunha enfermidade orgánica que ten a súa orixe no anímico e, outras veces, como unha claudicación psicolóxica secundaria a un dano irreparable no noso corpo. Segundo a súa gradación temos unha escada analxésica para intentar darlle algunha resposta, onde cada chanzo deixa o rastro de diferentes fármacos e técnicas. No patamal da mesma, unha Unidade Hospitalaria que leva o seu nome cunha importante lista de agarda.

Uxía entra na consulta queixosa e derrotada. Traballa na limpeza e o que gaña non lle chega para manter a súa familia. Cunha parella no desemprego e un fillo cun problema de adicción, di atoparse cun malestar que non é quen de localizar. "Eu tan só lle pido, doutor, que me axude a botar fóra esta dor".

Comentarios