Opinión

Onde habita o negocio

A semana pasada, asistín a uns 240 pacientes nun centro de saúde e non traballei máis que calquera compañeiro. Con toda a fatiga acumulada despois de 16 meses, se queremos resistir nesta quinta onda que ameaza con asolagar a primeira liña de atención sanitaria, a única maneira de facelo é multiplicando esforzos en xeiras extraordinarias. Cunha recuperación importante do paciente presencial, as xornadas pasan nunha loita contra o reloxo para non acumular retraso e dar servizo á xente. “Non sei se a atención primaria pode máis pero eu non" chiaba en Twitter unha compañeira hai uns días.

A pandemia está a amosar a parede chea de fendas da sanidade pública, consecuencia de accións planificadas para beneficio doutros intereses dende hai anos. Despois das políticas de austeridade que expulsaron a moitos profesionais, non minte o Sergas cando di que non hai especialistas de familia. O que non di é que iso é consecuencia das súas decisións e que a situación non ten visos de mellora. O número de médicos de primaria, que se incorporan cada ano despois de rematar a residencia, son insuficientes para compensar as xubilacións en camiño.

A pesar das críticas obxectivas que sinalan con razóns o deterioro, négome a participar nun marco de debate que alimenta outras comenencias. Existe moito interese en xerar novos espazos de negocio coa posta en cuestión do público. Tamén en consolidar unha asistencia sanitaria dual, para xente con recursos e sen eles.

No ano 2020, os seguros de saúde privados, bonificados fiscalmente, facturaron no estado máis de 9.000 millóns de euros, aumentando o número de pólizas un 4,9% ata preto dos 13 millóns de asegurados. Máis de 450.000 galegos xa contan con un, contratados maiormente a través de entidades bancarias.

Tendo en conta diferentes estudos, que indican que os seguros aumentan onde hai unha menor taxa de médicos de familia e un menor investimento na atención primaria e no seu persoal, quen está a pórlle prezo a nosa saúde?

Comentarios