Opinión

O reencontro

A semana pasada tiven a sorte de participar como convidado no primeiro encontro do ciclo 'Outra Volta' no pub Modus Vivendi de Compostela, dentro do marco de eventos para conmemorar o seu 50 aniversario. Alí falamos de todo e intentamos disparar con humor. Política, saúde, cidade, poesía e música teceron un mantel bordado cun fío de comunidade neste bienio pandémico. A xuntanza e posterior conversa servíronme para constatar o percibido na intimidade da consulta de Atención Primaria. A xente non sabe como recuperar a praza pública, as amizades, os espazos compartidos, o relato escrito a varias mans. O que antes era espontáneo e natural, froito dun proceso de socialización previo, agora é programado e artificial. Non hai unha soa reunión que non se someta ao filtro dos riscos, condicionantes e consecuencias. A repercusión de todo isto ten múltiples dimensións e diferentes nomes; agorafobia, illamento, tristura, individualismo e despolitización. Nunca estivemos tan interconectados e ao mesmo tempo tan sós.
O relato oficial afirma que o proceso de 'gripalizar' a Covid é a maneira de recuperar a liberdade. O que non din é que para eles esta é sinónimo de consumismo e tamén de mirar para outro lado. Do que non falan é do cativerio que supón non ter as necesidades materiais cubertas ou uns servizos públicos reforzados que actúen como correctores das desigualdades sociais. Non hai posibilidade de escolla sen pan, traballo e teito.

Toca reconstruírse a partir da emoción e do facer en común.  Non hai cambio que poida sosterse sen a rede da sociedade civil onde hai vimbios para atar vides de esperanza ás estacas. As cidades e as vilas son territorios de conquista en plural, Galiza un imaxinario a elaborar apegada ao mundo.

O espazo público é das máis ou non é. Calquera defensa do acadado ou calquera esperanza a lograr precisa de mil brazos. Cómpre enviar moitas mensaxes que falen de nós e fuxan do medo. Cómpre dicirlle non aos tristes que invocan verbas de exclusión ou egoísmo. É o momento de reencontrármonos.

Comentarios