Opinión

O que fica fóra

No número nove da Rúa República do Salvador da cidade de Compostela morou durante trinta e dous anos a Libraría Couceiro antes de trasladarse á súa localización actual na Praza de Cervantes. Foi alí onde asistín á presentación do seu Lapis do carpinteiro no ano 1998. Eu era daquela un estudante de medicina que fantasiaba con ser médico de empresa no IGI, ese lugar austero onde Díaz Pardo viviu os últimos anos da súa vida e onde tiven, pasado o tempo, o privilexio de exercer como médico del. Días antes do acto, Manolo deixáralle alí un exemplar cunha dedicatoria onde sobrevoaba a lembranza do Camilo Díaz, o pai de Isaac, que pagou coa súa vida no trinta e seis polo delito de pintar ideas. A presentación era un xoves de xuño despois do San Xoán, a libraría lucía ateigada de xente. Ao rematar achegueime a el, preguntou o meu nome, sorriu e deixou gravada unha tatuaxe nunha páxina da obra; "para Martiño da estirpe do lapis da liberdade. Que Vida veña tocando o acordeón!".

Asistín no ano 2016 como Alcalde de Santiago á Feira do libro de Bos Aires dedicada á cidade. Na delegación viaxaba Manolo Rivas. Aínda non sei como fixemos, pero, no medio do balbordo de axendas maratonianas, tiven a sorte de acompañalo como convidado xunto a Débora, Greco, Miguel, Branca e outras á República 'Ciruja' habitada por centos de traballadores da 'Montaña', un accidente xeográfico onde se atopa o maior vertedoiro de lixo da capital porteña. O traballo dun 'Ciruja' consiste en recoller coas mans o que a cidade expulsa. Aquela mañá durante unhas horas partillamos dentro dun contedor de obra da cooperativa 'Bella flor', baixo o atento mirar de Lorena Pastoriza, mate, libros, música, testemuñas e as verbas do poeta; "en ningún carné figura ese traballo mais é esencial para o corpo da cidade".

O Rivas vén de gañar hai uns días o premio Follas Novas do Libro Galego co seu último poemario. Un non deixa de pensar que os que con el coincidimos somos afortunados na vida, e que del aprendemos que o importante é aquelo que sempre fica fóra, "e anda ás ceibas na liña do horizonte entre o primeiro e o derradeiro faro".

Comentarios