Opinión

O que ferve no pote

É posible que a pandemia que estamos a vivir deixe a marca dun fito histórico en moitas e moitos de nós. Cómpre recoñecer que non nos colle no mellor momento pero, aínda así, o presente non pregunta, tan só acontece.

É factible que destes instantes conservemos vivencias que nos marquen para sempre, incluso algunha que poida ser adxectivada de traumática.

No eido da saúde mental téñense analizado as ferramentas de defensa que empregamos para sobrevivir a este tipo de situacións extremas. Máis aló dunha certa regresión na que viaxamos á vella normalidade de cando en vez, e dunha proxección que ás veces pon o foco do negativo nos demais e nunca en nós, o noso mecanismo de supervivencia bascula entre a confrontación ou a evasión diante do que está a acontecer.

A evasión levada ao extremo, aínda que se ten amosado efectiva, resulta inmatura; vólvenos indiferentes á dor e carentes de empatía, tanto como para fuxir das consecuencias dos nosos actos. Por outra banda, confrontar coa realidade ou intelectualizala, non sempre é sinónimo de éxito cando esta escapa da nosa compresión e non é posible artellala en común.

A escolla dunha ou de varias destas respostas ante o que está a acontecer non é allea ao contexto social. No significado das palabras tamén hai un campo de batalla. Na actualidade, a liberdade é para moitos sinónimo do dereito a consumir; sobre a crise dos 10 latexa unha maior precariedade consecuencia da Covid. O discurso do odio é branqueado sistematicamente e a resultante no presente de todo isto é o individualismo, o gregarismo, a competencia e a detonación dunha bomba de xenreira contra o diferente, e no futuro inmediato, o risco dunha violencia pola violencia sen coartada.

Xente benquerida convídame a intentar comprender o que está a acontecer mais eu resístome, intuíndo a resposta. Non é superioridade moral, tampouco ética, tan só non quero perder a esperanza de mudar colectivamente no horizonte, o estado das cousas no meu país.

Comentarios