Opinión

O negocio da saúde

Un non sabe se foi antes o ovo ou a galiña. Tampouco se iso ten importancia. A mecánica cuántica defende que tanto o cigoto como a pita foron os primeiros, xa que os eventos poden acontecer sen unha orde estabelecida. Máis aló do debate entre unha parte da física e a causalidade, ás veces debemos preguntarnos quen se beneficia das consecuencias dalgunhas políticas vencelladas a determinados servizos. No caso da sanidade universal existe unha coincidencia temporal entre a crise na década dos dez, a falla de investimentos na mesma, o seu constante deterioro e o aumento dos espazos de negocio na actualidade. O drama destes dous anos de pandemia tensou as costuras dun edificio público golpeado polas políticas da austeridade e aumentou as marxes de beneficio dun sector privado, rearmado ao abeiro das aseguradoras.

A día de hoxe, máis de once millóns de persoas no Reino de España teñen contratado, nomeadamente a través de entidades bancarias, un seguro de saúde. Destes, cincocentos mil no noso país. O sector experimentou unha medra anual dun 5% dende o 2020 facturando no 2021 preto de dez mil millóns de euros no estado.  Faino baixo un modelo "low cost" ofertando unha carteira de servizos funcional que acorta prazos e da solucións inmediatas en determinadas patoloxías respecto á Sanidade Pública. Onde máis deteriorada está a Atención Primaria maior é o aumento de volume de negocio destes produtos. A bonificación fiscal pola contratación dos mesmos alimenta a treboada perfecta onde tan só hai unha dúbida; canto custarán cando non teñan máis competencia que a beneficencia?

En Galiza o círculo da aposta pola asistencia dual péchase co financiamento directo, con fondos públicos, a centros sanitarios privados para realizar probas complementarias e intervencións cirúrxicas. Ducias de millóns de euros do Sergas son destinados cada ano a isto.  Nas listas de agarda e nos atrasos está a coartada, na demora ao doente en caso de non aceptar esta vía, a chantaxe.

Alguén ao amparo do capital decidiu pórlle prezo á nosa saúde e facer negocio con ela. Estamos a tempo de evitalo?

Comentarios