Opinión

O Lucho do peto

O pasado 14 de maio participei, na compaña das boas e xenerosas, nunha homenaxe a Avelino Pousa Antelo declarado nesa data fillo predilecto do Concello da Baña. Fíxeno dende a lembranza do seu nomeamento como fillo adoptivo de Teo no 2007 e pola relación que con el e a súa familia manteño dende hai anos.

O Lucho nunca precisou amentar a razón para acreditar no optimismo da vontade. Foi memoria e xenerosidade, habitou a historia sen renunciar ás súas contradicións, mirou sempre con ollos de cativo e cultivou a verba lúcida agarimada polo paso do tempo. Decidiu ser o primeiro en vivir, o fillo da árbore de Gernika, un agrarista contemporáneo, mozo con boina e caxato, un faro con fareiro e sen GPS, a man aberta, a palabra exacta e o galeguista que xunto a Isaac Díaz Pardo loitou polo Estatuto repartindo propaganda nun camión de recollida do lixo na Compostela do 36, entre debates, paixóns cruzadas e vivas a Rusia dalgúns compañeiros de viaxe.

Recoñecendo a Avelino, o tempo entende de xustiza cumprindo co protocolo dos agradecementos,  facéndolle un pinchacarneiro ao destino e cotizando na bolsa de valores. Respectamos así colectivamente a encomenda de arrodearnos neste transo vital da boa xente, aquela que ensinou aos iguais un ideal irmandiño de fraternidade e de compromiso con Galiza aprendido da Xeración Nós, os mártires e o exilio. A súa teimada defensa da esperanza no país debera facer del patrimonio sen exclusións do pobo galego.

Lembro o seu humor ás portas da morte. A última vez que nos vimos uns días antes da súa marcha, espetoume: "Fálame do que queiras, aínda que o inventes". Recordo tamén como remataba os seus discursos cunha declaración de amor ao Daniel: "Asistín a un mitin de Promoción Galega que convocaron o 10 de maio de 1931 en Santiago, no Teatro Principal, onde falaron magníficos oradores  e, no peche, Castelao. A maneira de falar tan antolóxica, tan humanística, tan sinxela del foi a conexión. Ao rematar, abraceime ao meu amigo Ogando Vázquez e díxenlle, atopei o camiño da miña vida".

Comentarios