Opinión

Morrer con dignidade

Nin os taxistas son quen de guiarse nese barrio. O sistema de numeración dos edificios e a distribución interna das vivendas dentro dos mesmos converten a visita dun de fóra nun deporte de orientación. Andrés traballou nunha empresa de autobuses durante máis de 38 anos ate a recente xubilación, sabía como levar ao seu destino os pasaxeiros, na cidade ou en viaxes longas. Nunca precisou empregar o Google Maps, tampouco cando ía de escapada coa súa muller e as fillas a algures. Hai xente que leva un mapa de estradas na cachola, por iso sentiu pavor o día que non foi quen de chegar ao seu piso dende a praza de abastos despois de mercar xurelos.

Rosa xuntou "as nenas" tralo xantar dos domingos para darlle a nova. Os despistes do pai, a perda de forza nunha das pernas e o ánimo enfadado ou triste non tiñan que ver cunha demencia, unha depresión ou un ictus. A palabra "tumor cerebral", comunicada polo neurólogo, resoou na cociña como unha bomba de reloxaría: "O voso pai non vai ser o home que coñecestes durante a vosa vida. Non llo teñades en conta, o importante é que non pase dor e que poidamos acompañalo nas súas últimas semanas. Non hai nada que facer, está moi estendido".

A doutora desculpouse polo atraso ao chegar. Nin o taxista nin ela daban coa dirección da vivenda de non ser por algún veciño. Acababa de rematar unha xornada prolongada e víaselle cansa. O médico do Andrés xubilárase había uns meses e aínda non tiña substituto, polo que a asistencia que recibía era dun facultativo diferente do Centro de Saúde en cada ocasión. Mentres informaba á familia do estado do doente e os coidados paliativos a adoptar, miraba de esguello as fotografías e os retratos dun andel que falaban doutro home noutro fogar. As pegadas e os sorrisos das imaxes contrastaban coa anguria e impotencia actual  das que coidan e o malestar do coidado. "Levamos días agardando a que veña alguén máis aló das asistencias telefónicas, falando disto cada vez cun médico distinto. Sabemos que non podedes máis, pero papá quéixase de moita dor e dinos cousas que nunca dixo. Non podemos velo así, non queremos velo así. Merece morrer como viviu en vida, con dignidade".

Comentarios