Opinión

Menciña

Hai no proceso da escrita un perderse dun mesmo para atoparse noutro lugar, unha viaxe sorpresa, unha reordenación territorial das nosas cavilacións, unha escoita intuitiva do silenciado, un aforro en terapias, un caixón no que abrir diferentes finais posibles e un salvoconduto para regresar a nenez.

Penso niso mentres tecleo o artigo semanal dos martes que non sei a onde me levará. Na maioría das ocasións remato por deitar nel verbas, historias, relatos ou pareceres que non estaban no guión previo, sentíndome como un funámbulo que percorre o arame sostido por fíos invisibles que descoñece.

Non estou só, no cuarto do lado a Mara debuxa as palabras pendentes nun ceo azul e noutro recuncho da casa o Airas escoita o seu anaco favorito da canción, aquel que nun concerto en directo canta o público asistente mentres o artista cala.

Diante dun presente que é quen de someternos a un bombardeo masivo de estímulos negativos ata paralizarnos cómpre militar no refuxio dos segredos da emoción. Hai un idioma propio agochado en cada expresión artística que activa diferentes rexións cerebrais, facilita a aprendizaxe, alimenta a nosa memoria e fainos máis felices.

As artes ensínannos dende pequenos a configurar o noso espírito crítico, potenciando a imaxinación que facilita tomar decisións, a sabendas de que os problemas reais soen ter varias solucións posibles.

No meu círculo de amizades, amores e afectos abunda a xente comprometida e creativa. Descubrín co paso dos anos que máis aló de compartir con eles o código da lealdade e acompañarnos en momentos importantes do decurso vital,  esas persoas manexan de cando en vez un idioma segredo que tece rede co seu entorno e máis aló.

Gústame imaxinalos como superheroes dun país negado, pelexando o día a día dende o seu anonimato para ser quen de provocar ese calafrío que “xoga a ser lóstrego” cun verso, unha melodía, un trazo, un fotograma ou unha interpretación.

As farmacias deberan poder dispensar e nós receitar esas pílulas de emoción que poñen cores e alimento nas nosas vidas. 

Comentarios