Opinión

A memoria das emocións

Manuel transita a oitava década da vida ao carón da súa familia que o aloumiña; "sempre está de bo humor e con apetito, aínda que dende hai uns anos foi perdendo a memoria, a fala, e xa case non se lembra de ninguén da casa", comenta a súa filla Rosa na cociña acompañada dunha das netas, "pedímoslle que viñera, doutor, xa que dende antonte ten febre e tose, deixou de comer e tamén de cantar"; "como dis?", pregunto sorprendido; "non hai momento na xornada onde non se poña a cantaruxar e a tocar algún instrumento", resposta.

As lembranzas que máis subsisten son aquelas vencelladas a unha vivencia emocional intensa onde a música, xunto a outras manifestacións artísticas, xoga un papel fundamental. Varios estudos de investigación teñen demostrado como un recordo musical é capaz de resistir á devastación dalgunhas enfermidades dexenerativas como o Alzhéimer, ao gorecerse noutra área cerebral diferente á do resto da memoria. Quen sabe se nese lugar se achará a caixa negra da nosa existencia. Así é como moitos doentes, que non son capaces de acordar o seu nome ou a súa idade, son quen de reproducir unha canción, un poema ou o diálogo dunha obra de teatro. O universo das emocións conéctanos coa vida e esta sempre precisa dunha banda sonora ou dun verso para non esquecer.

Tres días despois, regreso á casa do Manuel agardando que o tratamento para a súa infección respiratoria fose efectivo. Rosa espera na porta e nada máis baixar do coche coméntame, "está mellor, xa meteu algún bocado na boca, baixoulle a febre e o que é máis importante, case, veña velo". Camiño polo corredor entre cadros e fotografías familiares deixando habitacións a ámbolos lados, mentres intúo algunha melodía de fondo que confirmo ao entrar no último cuarto. Sentado na cama, Manuel toca unha pandeireta e, ao verme chegar, sorrí durante uns segundos e comeza a cantar: "O que nunca estivo lonxe non sabe o que é padecere, de lonxe as penas aumentan pra quen sabe querere". "Vai camiño da curación", murmuro sen saír do meu abraio.

Comentarios