Opinión

Madeira nobre

Crisanto morreu no ano dous mil. Non tiven a sorte de tratalo e non cheguei a coñecelo. Partiu antes de tempo deixando un legado fraterno, que pode medirse pola simpatía que xerou naqueles que non coincidían coa súa maneira de pensar. Investiu moitas das súa enerxías e do seu tempo nas loitas da Esquerda Galega do Camilo Nogueira.  Del dixo Manolo Rivas o día da súa marcha entre outras verbas "Era todo corazón. Agora xa non vén ao caso o diagnóstico médico. Hai cousas que non teñen en principio peso nin medida; os tesouros humanos, por exemplo a bondade. Descubrimos que eses tesouros existen realmente cando tivemos a fortuna de coñecer a persoas coma el. A bondade tiña o peso e a medida de Manolo Crisanto".

A quen teño a sorte de tratar e de coñecer dende hai unha década é ao seu fillo Antón Sánchez. Con el incumpro a sentenza de que a política e a amizade son incompatibles. Beiras falounos da irmandade e nós acreditamos no legado do petrucio facendo das loitas contra as inxustizas un lugar de encontro. Labrego da Campiña de Bergondo, Antón está cortado dunha madeira nobre e como tal exerce no seu día a día coa súa familia, cos seus veciños e os colectivos agredidos do país que precisan dunha voz e duns brazos. Así o fixo como parlamentario, concelleiro, voceiro de Anova, membro do Sindicato Labrego, no tecido asociativo e dende o activismo de base. Así o fará no futuro reivindicando a importancia de estar nas causas necesarias máis aló do ornamento e os cargos.

O rapaz decidiu acompañar ao seu pai a un mitin. Levaban megafonía instalada no teito para anuncialo. O coche poñíase da casa, a gasolina tamén. Pasaron xuntos unha boa tarde percorrendo a raia entre as comarcas da Coruña e Betanzos mentres daban a coñecer hora, lugar e oradores. No regreso, despois de que o acto fose suspendido por falta de asistentes, Manolo mirou a Antón, púxolle o micro do equipo nas mans e pediulle ao fillo que se dirixira aos veciños. Aínda algún lembra moitos anos despois a voz dun mozo que no medio da madrugada atravesou a 50 km/hora a vila anunciando a chegada da revolución.

Comentarios