Opinión

Flores funerarias

Agosto mestura a soidade co cansazo. A semana pasada fixen un test de antíxenos que resultou negativo porque me sentía fatigado. Sinalei entre as causas a posibilidade dunha recaída pola Covid antes que o feito de pasar unha consulta de 80 doentes; “se a culpa dos lumes no país sempre é dos pirómanos e nunca das políticas forestais do goberno, o meu esgotamento pode ser tamén provocado por un virus e non pola carga de traballo”, pensei. Vivimos cómodos no relato do inimigo. Os populares levan 15 anos culpabilizando das consecuencias do seu desgoberno a un elenco onde destacan a cidadanía, o bipartito, as mareas e o goberno central. Cando non teñen a quen culpar falan das candorcas. Lémbranme a un amigo da xuventude que, despois dunha noite de excesos e déficit de sono, botáballe sempre a culpa da resaca a un “chopo de licor 43”.

A señardade habita este mes aínda que esteamos rodeados de xente. Eu nunca me sentín tan só na miña cidade como estas últimas semanas nas que 13.000 mozos chegaron convocados a Compostela pola Igrexa, sendo subvencionados con 360.000 euros pola Xunta maila colaboración do Concello. Non foi unha cuestión ideolóxica, Sr. Rueda, tampouco houbo unha falla de vontade acolledora, Sr. Bugallo. A síntese do malestar da veciñanza pode definirse na carestía da educación que moitos tiveron ao percorrer as rúas de Santiago. Algúns confundiron visitar un lugar co feito de intentar conquistalo con berros, cánticos e bandeiras.

Cando penso na Galiza actual lembro a historia de María, que un día entrou na consulta demandando unha revisión despois de perder un irmán máis novo e os seus pais no último ano. Traballaba como florista no casco histórico e relataba un cadro de dores froito dunha somatización pola situación vivida. Cando veu recoller os resultados e comprobou que todo estaba ben respirou aliviada, teceu un espeso silencio de segundos e afirmou: “O peor de todo, doutor, é que dende que perdín os meus, na tenda onde traballo fixéronme encargada da sección de flores funerarias”.

Comentarios