Opinión

Estampas de verán

Miro con atención as pernas do meu Airas de catro anos mentres sinala con orgullo o inventario de feridas que engalanan a pel dos seus xeonllos, onde as rascadelas e os negróns son o rastro dun verán sen extrema; -e ti pai que marcas tes?, -eu, fillo, tan só colecciono cicatrices. A nenez contrasta co momento adulto sen competir. Para eles as vacacións son unha aventura sen lindes, para nós un empréstito vital onde coller aire antes da seguinte inmersión.

Nito e Dolo avisan da "nortada" que vén en camiño na Arousa mentres xantamos algo na do Peri. Noutros tempos, comenta Xurxo Mariño, "ese vento forte axudaba na Area da Secada para a súa función de secadoiro", " a xente recollía dende o areal os aparellos do cerco largados dende as dornas nunha praia que estaba parcelada onde cobrabas segundo as redes que tiveras", engade Nito. Emprego os días de liberdade condicional en recrutar historias, paisaxes, roibéns, músicas e afectos mentres baixo as revolucións do motor sen perder de vista as chaves da consulta. Este ano doume por ben pagado compartindo texturas, conversas e melodías co Lois e a Alba, Martina e Secho, Uxía, Eva e Fran, Quique e Alex, Beiras, Antón, Morris, Lydia, os "Arousers" e a miña familia. Con esta tribo quen precisa unha brigada para entrar en combate.

Estase a quedar un presente que ten un aquel co show de Truman, película dirixida por Peter Weir e protagonizada por Jim Carrey, que conta a historia da vida dun home que non sabe que está a vivir nun prime time televisivo permanente, onde o guión xa está pechado. A fraude conta coa complicidade dunha audiencia que prefire existir como espectador en realidades alleas antes da propia, curiosa coincidencia co futuro "metaverso" e tamén con Platón e a súa caverna de hai dous mil cincocentos anos. En troques, algúns somos dos que preferimos apertar a vida, loitala, mancharse con ela e sacar peito con todo o que nos retorna e as súas cicatrices. Non hai batalla que non poidamos dar no outono, non hai futuro que tolere unha fuxida, a derrota de antemán xa está escrita, de nós depende mudar o final.

Comentarios