Opinión

En voz baixa

O neno acelera a respiración e di que ten frío mentres a súa temperatura corporal sube. "Tes que aprender a escoitar o teu corpo", coméntolle. A febre tan só dá unha tregua dun par de horas entre toma e toma dun antitérmico, tempo insuficiente para reporse dun combate desigual que vai erosionando o seu ritmo cotián. A enfermidade alimenta un ollar vidroso, un inapetente apetito, o vómito provocado pola tose, un sono lixeiro e o choro fácil que aumenta ao saber que nesta fin de semana non poderá visitar aos avós da Estrada e Calo, escoitar as Ataque Escampe no Teatro Colón ou a súa nai nun Culturgal que semella esmorecer. Cóntanse cos dedos das mans os días que andou ben dende que comezou o curso e, tamén, as xornadas que tiveron para estar xuntos na escola os que coma el sempre están enfermos.

A incidencia da gripe, o virus respiratorio sincitial e a covid, nos pequechos de ata catro anos, está a xerar unha tormenta perfecta que pon en risco a saúde destes e das súas familias, alimenta o baixo estado de ánimo xeral, cuestiona a posibilidade de conciliar os coidados co traballo, e satura de máis os servizos de urxencias e os centros de saúde onde as pediatras ven unha media de 50 crianzas ao día. O andazo chegou antes do habitual e coa campaña da vacinación sen comezar, a pesar de que dende finais de setembro os casos de gripe A que vemos na consulta apercibían do que estaba en camiño. Os únicos que deberon decatarse do que ía acontecer foron os fabricantes dos novos test de antíxenos múltiples que, antes dun inverno que se prevé longo, están a facer o negocio do ano.

Lembro a película Inimigo ás portas e a Vasili Záitsev (Jud Law) mentres fago garda domiciliaria de fin de semana a carón do meu fillo que non anda moi católico. O luns e o martes tocan dúas xornadas prolongadas de dobre quenda na consulta para cubrir a compañeiras que non teñen substitutas. Nun momento da tarde do domingo, Airas érguese do sofá como un boxeador cambaleando e ao lonxe sinto como fala consigo mesmo. -Que fas meu ben?, -Intento escoitar o meu corpo, -E que che di?, -Non sei, fala en voz baixa.

Comentarios