Opinión

Debaixo da lingua

"Non son quen de saír de casa", "dóeme o estómago", "teño un pesario no pescozo", "non podo durmir", "noto o peito ateigado de anguria", "pensar en ir ao traballo descomponme o corpo", "creo que teño un cáncer diferente cada día", "ás veces fantasío con sacarme do medio mais fáltame valor", "a pena non me deixa nin erguerme da cama", "sempre estou rodeada de xente pero nunca me sentín tan soa", "as voces que escoito non me din nada bo", "non sei como recuperar a miña vida despois destes dous anos", "tan só comendo a fartar son quen de calmar esta maldita ansiedade", "as imaxes dos abusos e dos golpes visítanme cada día", "estou quebrado", "a congoxa apodérase de min con cada perda de memoria", "teño a sensación de que tirei ao lixo moito tempo traballando nalgo que me fai infeliz", "o vómito calma o sentimento de culpa", "sempre estiven coidando dos demais e nunca souben coidar de min mesma", "non me falta de nada, máis son terriblemente infeliz", "consumo para fuxir", "non son capaz de recuperarme da súa morte", "ao seu lado nesta consulta está sentado un señor pequeno, un anano", "cada vez que vexo un telexornal coas novas da guerra dispáraseme a tensión", "gasto o soldo enteiro nas apostas e non podo parar", "dinme que estou delgado pero non hai un momento no que non me vexa gordo diante do espello", "levo unha semana atacado dos nervios pensando que teño que coller ese avión", "lavo as mans corenta veces ao día", "as feridas que inflixo na miña pel calman a dor", "o tremor desaparece cando bebo", "fago unha xornada de dez horas e non me chega para manter aos meus", "os fillos marcharon da casa e agora vivo cun estraño", "se collo a baixa bótanme á rúa", "a dor de cabeza, como se tivese un casco, é cotián", "cheguei a crer que era merecente dos seus insultos", "vivo morta de medo pensando en atoparme con el", "véxome fóra do meu corpo", "se marcho deixarei unha carta explicando as razóns", "sinto un gran baleiro", "cando iso pase, poña esta pastilla debaixo da lingua".

Comentarios