Opinión

Corona Virus

A tolerancia ten un límite cando a saturación de malas novas é unha constante. Por iso moitos escollen vivir os feitos cun certo distanciamento. A realidade crúa ten efectos secundarios e a manipulada máis. Afastarse dela non significa vivir á marxe mais tampouco que esta desapareza.

Despois de dous anos de pandemia a xente precisa pasar páxina e habitar un presente sen Covid a pesar do seu impacto actual. Centos de persoas perden a vida cada semana no estado por este motivo, milleiros sofren meses despois sintomatoloxía persistente cunhas consultas de atención primaria saturadas por esta razón; cefalea, dor articular, dificultade respiratoria, tose ou exacerbación dun proceso autoinmune figuran no pedimento do día a día. Do que non se fala non existe. Os gobernos coñecen ben este feito e a fatiga social e, por iso, os contaxios en B triplican os datos oficiais, os confinamentos e as baixas son negadas e os ERTE unha especie en perigo de extinción. Cando moitas escollen fuxir ante esta insoportable realidade, o capitalismo sempre gaña. Non é nada persoal. Na coartada da vitoria está a verba "gripalizar" coa seguridade que dan as vacinas.

Algo así acontece coa monarquía no Reino de España. Se a escusa para tolerala hai décadas era o "Juan Carlismo", agora no mellor dos casos é a indiferenza. Mirar para outro lado non nega a súa existencia. A cuestionable inviolabilidade, o sangue azul e o anacronismo da institución foron substituídas pola apatía xeral diante da evasión de impostos, o cobro de comisións ou o exilio a un emirato que de democrático ten pouco. Por molestar xa non molesta nin o dereito de pernada que representa o anuncio do regreso do "emérito" ao noso país despois de dous anos lonxe da corte, cos altofalantes do poder botándolle azucre ao podredoiro. Sempre hai un xornalista disposto a comparar a súa volta coa da nosa emigración, sempre hai un alcalde preparado para acoller a un exiliado por corrupción e permitir que este poida navegar no "Bribón" que en galego dise "Canalla".

Comentarios