Opinión

Contos de fadas

A miña filla revélame unha cousa que nunca escoitara da infancia da miña nai; "a avoa Isa, cando viaxou de nena dende 'La Guaira' a Galiza no barco, estivo as dúas semanas da travesía mareada e con vómitos, non saía do seu camarote e mataba o tempo xogando cunha máquina que lle regalaran uns amigos do seu pai antes de marchar. Cada debuxo do disco que vía nela era unha escena dun conto que pasaba cunha panca". Eu era coñecedor das vicisitudes dese regreso mais non sabía da existencia daquel estereoscopio "view master", un trebello que permitía a través dun obxectivo binocular observar imaxes cunha certa sensación de relevo e profundidade. Morto de curiosidade por descubrir que fora del chamei a Sabela para preguntar, deixándolle un tempo para que fixera as pertinentes pescudas. O aparello e o disco de contos estaban gardados "intactos e coma novos" no despacho da casa dos meus pais en Calo, nunha pequena caixa ao carón do pasaporte da República de Venezuela. Na imaxe recibida polo WhatsApp puiden comprobar o bo estado do instrumento e a cuberta esvaecida azul e branca dos Cuentos de Hadas onde destacaban títulos como 'Juanito y el Frijol mágico', 'Los tres chanchitos' ou 'El negrito sambo'.

O verán muda como cada ano as rutinas cotiáns alimentando a sensación de fuxida e unha terapéutica despersonalización. Ás veces tamén amosa as costuras das feridas dun país que esmorece. A precariedade dos servizos públicos, o esquecemento do poder diante da precisa memoria, a manipulación dos medios, as agresións ao noso territorio, os sinais dos lumes nos ceos azuis, na escuridade dos nosos montes e nas cinzas das nosas casas, impregnan dende hai anos a estación estival. Logo está tamén a compaña da liturxia coa que damos resposta de xeito cíclico a todo isto, mentres agardamos pola amnesia da choiva; concentracións onde estamos os de sempre, a expresión dun dó que nunca busca culpables, as prazas onde o notario dá fe da devastación permanente, a xenreira ensimesmada e esa continua sensación de náusea e mareo, que nunca somos quen de mitigar por moito estereoscopio que empreguemos.

Comentarios