Opinión

Catch all party

Leo un verso do poeta mexicano Orlando Mondragón, "le tomo la mano a mi enfermo para saber que sigo vivo". Nese existir para os demais hai sempre unha procura de razóns e un catálogo de motivos para alimentar o impulso vital propio. Canto máis adversas son as circunstancias que nos arrodean máis porqués atopamos para continuar o camiño. A vida ascende polo muro como a hedra ou emerxe como a herba entre os poros do formigón fraguado, baténdose en combate contra o infortunio e a inxustiza. Non hai morte máis aburrida que a de mirarse o embigo dándolle de comer ao egoísmo. Non hai retorno maior que o de entregar sen agardar contraprestación algunha.

Escribo estas verbas a carón do mar que agarima a península meca baixo a coartada dos días feriados. No teléfono móbil aterran os avisos das últimas novas mentres a xente ateiga os camiños da costa de pasos e os miradoiros de ollos: "Siga a guerra de Ucraína en directo", "Estes son os síntomas de XE, a nova variante máis contaxiosa da Covid", "Facenda detectou que os empresarios das máscaras baleiraron as súas contas tras cobrar comisións millonarias", "A inflación dispárase en Galiza e acada a maior taxa dende 1984". A pesar diso, nunca como até agora constatara nos últimos dous anos a necesidade colectiva de respirar, apertar, mirar, ler, sorrir ou cantar, fuxindo do drama do capitalismo e as súas consecuencias. Abril non quere augas mil e xoga a ser verán por petición popular.

Curiosa coincidencia que este pulo que reivindica recuperar o perdido cadre no tempo coa presenza central dalgúns alcaldes, militares ou futuros presidentes da Xunta en diversas procesións polas rúas das nosas cidades. Un non chega a saber se esta intervención é a título individual ou en representación dos estamentos e institucións nas que foron escollidos. A cobertura intensiva dos medios de comunicación, nomeadamente dos públicos, tampouco axudan a clarexar o papel de cada quen, agás que estes últimos teñan unha vontade doutrinaria. Unha vez máis, o noso país defínese nunhas coordenadas que teñen vocación perpetúa de "catch all party".

Comentarios