Opinión

As luces de Abel

Chega o Nadal cunha encomenda repetida: devolvernos á liña de saída un ano máis vellos. Diante da falla de consenso para detractores ou seguidores do mesmo, estas datas teñen un lugar de encontro na capacidade de “deter o tempo”.

Durante uns días baixámonos do rodopío cotiá, collemos aire e axustamos contas co noso pasado recente rebobinando o casete vital dos doce últimos meses. Neses grandes éxitos atopamos cancións esquecidas, temas que nos fixeron danzar, acompañantes das nosas tristuras e algún antídoto contra a melancolía. Tamén algunha imaxe onde cremos ser felices. No parar destas festas existe a  maiores un ollar ao futuro con vocación de propósito de emenda. A costa de xaneiro é o camposanto onde fenece tanta boa vontade.

Hai rituais de paso que representan un amarre do barco da vida. Hai unha materia pendente a futuro que fala da necesidade de recuperar a nosa rede de afectos dunha maneira espontánea máis aló de medos interiorizados, planificacións e recomendacións de saúde pública. Teño para min que nese pelexar por non desconectarnos do importante fica por dar ese paso que non é menor.

Estas datas exercen de coartada para os encontros, as chamadas, os sinais de fume e os fíos invisibles por onde chegan os “estamos aquí”. Son moitas aquelas que nestas semanas alégranse na consulta ante a posibilidade de atoparse cos seus sen protocolos nin lerias mentres debuxan un sorriso. Esas son as verdadeiras luces que pagan a pena e non as de Abel.

O que pode curarte ás veces tamén pode matarte. En todo refuxio hai un envés de tristura, en toda posibilidade de compaña a constatación cruel da soidade por decreto. Aínda que non está recoñecido como un trastorno, a “depresión branca” ou “blues do Nadal” é un estado anímico negativo cara todo o que ten que ver con esta celebración.

As cadeiras baleiras polas que non están, as familias herdadas pero non queridas, “o derradeiro Nadal que pasará con nós” ou a carencia de recursos que exclúe a moitas do reino do consumo son algunhas das razóns que un escoita das súas pacientes. Aquí as verdadeiras sombras que as luces de Abel non poden alumear.

Comentarios