Opinión

Acordanza

Mara e Airas lévanse catro anos de diferenza. Naceron nun mes de xuño para mudalo todo. Ela, a maior, é unha sueva portentosa e nobre que cumpriu oito anos hai uns días. El, o pequeno, un poeta francés de pelo crecho que habita o universo dos superheroes. Os dous agochan, no seu breve decurso vital, o mellor dos tesouros; unha tribo de familia e amizades que os agariman cun pote de experiencias onde ferve a música, a aldea, os libros, a cadela "Moura", o mar, Compostela, a conciencia do importante, o monte e os versos da súa nai. Non hai mellores vimbios para atar as súas vides ás estacas da vida.

Hai un egoísmo no impulso da reprodución cimentado na necesidade de perseverar nesta existencia alén dun mesmo. A inmortalidade era isto e o xenoma o seu motor. Hai un sacrificio na crianza das nosas. Todo o que nos convoca nesta sucesión continua do tempo dende que eles chegan ponse ao seu dispor. Egoísmo e sacrificio non sempre coinciden pero cando o fan pagan un xustiprezo. Eu son dos que penso que a vida retorna multiplicado por dous o que un entrega xenerosamente sen agardar nada a cambio. Dou fe que a miña crenza aliméntase cos meus fillos mentres os vexo medrar. Percorrendo ao seu carón este presente reencóntrome co que fun, minoro expectativas, enfío a catro mans un libro de instrucións para o seu futuro que será o que eles decidan, e intento garantir o que calquera desexa para a xente que quere; pan, traballo e teito.

No filme Memento dirixido por Christopher Nolan, Leonard (Guy Perce) é un investigador dunha axencia de seguros cunha perda persistente da memoria recente. Para reconstruír o seu pasado ten que recorrer á axuda dunha cámara instantánea e das notas tatuadas no seu corpo. A diferenza de Leonard eu non preciso de fotos ou marcas na pel para lembrar os anos vividos. Son os meus fillos os que revelan a película da miña vida e os seus nomes as letras que sinalan o camiño do imprescindible, alimentando de razóns a necesidade de mudar o estado actual das cousas.

Comentarios