Opinión

A fin dos tempos

Combatemos a calor do estío hidratando a profecía da fin dos tempos. A suba xeneralizada e continua dos prezos está a complicar a subsistencia de millóns de persoas nunha economía asentada na desigualdade e a pobreza. Os corifeos anuncian un outono e inverno devastadores coa guerra e a pandemia como únicos culpables deste súbito colapso. Ninguén relaciona a incidencia desta inflación disparada coa escaseza enerxética ou de materiais, dun modelo económico depredador que vive instalado nunha perpetua fuxida cara adiante. Non interesa pór en cuestión un sistema que non contempla os límites do planeta e que sempre repercute a súa disfunción ás maiorías. As perspectivas non convidan ao optimismo nos vindeiros meses. O "ladrón na noite" que representa o aumento do custo da vida é un eficaz antídoto contra calquera escudo social. Os poderes fácticos xa teñen feito a encarga a novos condutores suicidas para que piloten a situación no futuro. Pór fin a políticas económicas expansionistas, introducir axustes na cuestión monetaria e non exercer a dúbida nas situacións de exclusión figuran no libro de instrucións. Ninguén mellor para interpretalo que a dereita apoiada no caxato do fascismo ou do socio-liberalismo como mal menor. A hexemonía fala o idioma destes, e tan só así podemos interpretar as verbas de Pedro Sánchez na matanza "bien resuelta" de ducias de inmigrantes na fronteira entre Nador e Melilla, no aumento do gasto militar ou na entrega da soberanía do estado exercendo como anfitrión da OTAN. Mentres tanto a esquerda cala ou musita, renuncia a dar determinadas batallas culturais, reivindica o dereito á felicidade nas vacacións e segue a tocar unha partitura que tan só escoitan os afíns. Estásenos a pór cara de República de Weimar.

Hai no repouso persoal destas datas unha escapada dun mesmo, o canto da carricanta como antídoto contra a agulla acelerada do reloxo, un deterse para coller aire, o adianto do regreso, unha aventura disociativa e un armisticio coa vida moderna. Nada disto debera ser incompatible coa asunción da gravidade do que vén de camiño e a necesidade de estar, cada un de nós, a altura do mesmo.

Comentarios