Opinión

O lobo e o gando: Moito ruído e pouco interese en artellar solucións

Anuncia a Xunta, na súa cruzada contra o lobo, ou máis ben contra o goberno central, a presentación dun recurso contra a Orde Ministerial pola que se protexe este animal. Pola posta en escena, algo esaxerada demais, que vén facendo do tema do lobo, algúns so podemos entender que nesta nova ofensiva, hai moito de estratexia de confrontación política coa que tentar amolar a quen goberna, e pouco dunha preocupación real polo lobo e as explotacións gandeiras. Ambas teñen o infortunio de cruzarse nestas cousas de rivalidade entre goberno-oposición. Quen repare en analizar os números ao redor deste conflito, so pode acabar vendo neste debate unha burla do disparatado que resulta. Os datos son obxectivos e cantan, deixando claro que nisto hai moita falsidade argumental, e unha administración da Xunta que pretende saír indemne de tantos anos despreocupándose do lobo e das explotacións, tratando de urxencia aparentar ter feito moito neste eido. O preocupante é que haxa axentes, que sabendo de que vai o tema, pechen filas coa ilóxica postura da Xunta ou abríndolles o camiño.

Vaia por diante que o importante resulta darlle solucións tanto ás explotacións gandeiras como a protección do lobo, que son as que continúan desatendidas, e que  realmente deberían ocupar, dende xa fai anos, os esforzos da administración galega. Dicir, neste sentido, que o novo marco normativo si se presenta coma grande oportunidade, ou polo menos, supón un intento de mudar drasticamente a fórmula que leva máis de 30 anos aplicándose e que non aportou ningunha solución. Xa que con isto, estamos igual que cando os 80, os 90 e estes últimos vinte anos do novo século. Non mudou nada. Mátanse lobos, e as granxas seguen sufrindo con frustración este conflito de coexistencia. A nova norma supón fronte o anterior, tentar mudar as cousas, ou auto-enganarnos para que todo continúe no eterno problema sen solución. Sería importante introducir neste debate tan polarizado esta reflexión, comparar o que se fixo, de que valeu, e que alternativas ofrece unha nova fórmula. 

Tamén matizar que para que o novo marco normativo do lobo proporcione resultados é preciso que as administracións “fagan os deberes”. Tanto a da Xunta, coma a estatal. Esta última, agora terá que comprometerse a fondo na dotación de recursos orzamentarios. Nisto é non que a Xunta debe poñer todo o seu empeño, no tanto de estar a enredar por non se sabe ben que.

Que agora veña, repentinamente, o Consello da Xunta anunciando un incremento en 600.000 euros (que benvidos sexan para o sector), destinados a reforzar os 300.000 (dotados en 2021) en materia de medidas de prevención e protección do gando, e descaradamente unha argucia pouco pensada, pois pretendéndose vender coma un exemplo o seu compromiso nisto, amósase todo o contrario. Demostra que hai un descuberto enorme da Xunta en atender esta cuestión, pois seica esta nova dotación chega ante as miles de solicitudes chegadas. Máis aínda, que a Xunta anuncie coma un logro e exemplo o ter destinado, dende o 2016, pois 4,6 millóns de euros para protexer as explotacións gandeiras fronte o lobo, da mostra que non teñen comprendido ben onde radica a base do problema. Precisamente, dita cantidade delata unha grave escaseza de recursos aportados, que non chegan nin axudan a atender un problema que moitas e moitos gandeiros levan demandando dende fai anos. A menos de millón por ano (cifra inflada no último ano) que demostra que estamos ante un pírrico compromiso de aportar e apostar por solucións.

Na Galiza, o debate pretende centrarse na imposibilidade de que se poida seguir cazando. Cando a propia Orde incide, mediante unha disposición adicional, que iso non muda, que poderán seguir dándose permisos, máis repara que cando se autoricen deben facerse gardando un rigor de procedemento que o propio Plan do Lobo de Galiza contempla. Pero, de que nos vale a todos, nomeadamente as explotacións que padecen perdidas por ataques de lobo, que a especie se manteña coma cinexética, se fica demostrado que as batidas ou controis da poboación lobeira (dende o 2006 fixéronse 96 controis con 17 lobos abatidos, e dende o 2013, 38 controis con cero lobos cazados), non aportan nada. Logo, no caso concreto da Galiza, por que se insiste tanto en demandar que a especie sexa cazable se a eficacia destes controis é nula. Se aínda solucionara poderíase comprender que dita cuestión ocupara o centro do debate, pero que nin iso.

O que resulta inadmisible e que se pretenda manter o seu estatus cinexético mentres, que á vez, existe unha mortalidade elevadísima por prácticas furtivas. Existen comportamentos alarmantes que quedan nunha impunidade total por quen comete este delito (caza ilegal en esperas específicas, caza ilegal durante batidas de xabaril e raposo, lazos, velenos). Estimase que entre 200 e 300 exemplares mátanse ilegalmente na Galiza. Sobre isto hai un silencio e hermetismo absoluto por parte de todos, Xunta, sindicatos agrarios e colectivos de caza, que insisten en reivindicar que  a xestión e protección actual é a idónea, pero para esta crúa realidade miran para outro lado.

Neste sentido, benvida sexa a norma, para miles de cidadáns que tamén queremos o lobo protexido e que aos gandeiros se lles solucionen eses problemas, pois unha das principais novidades do cambio normativo supón loitar contra esta impunidade asentada. Quen mate un lobo exporase agora ao delito penal recollido no artigo 334 do Código Penal (ata agora cabía aplicar o 335) que inclúe a posibilidade de pena de cárcere de entre seis meses a dous anos. Quen practique o furtivismo, colabore, fomente ou oculte este tipo de prácticas debe saber que agora terá consecuencias penais duras. 

Seguindo afondando neste asunto, cabe preguntarse, entón, por que tanto interese da Xunta en manter o lobo coma especie cinexética? A resposta podémola atopar en que, mentres se fale da prohibición da súa caza, distraese aos afectados (e outros despistados), tapando así o pouco que lle ten interesado este problema. Esta preocupación pode medirse ao peso, e esta medida dáa as axudas destinadas anualmente nesta cuestión, das que sen dúbida algunha pode dicirse que foron excesivamente escasas, facéndoas pouco útiles (e nisto coinciden ecoloxistas e sindicatos). Axudas destinadas, tanto para indemnizar danos (a realidade demostra que se pagan tarde e mal), coma as destinadas á prevención (cun importe tan escaso, pouca continuidade, e nula comprobación da súa eficacia, que veñen resultado inservibles na maior parte dos casos). As axudas para prevención deberían ser o punto de partida para recuperar unha cultura de manexo de protección e vixianza do gando, con prácticas que antano eran as habituais, e que nas últimas décadas foron deixándose de lado. Que non se crea nas posibilidades que ofrecen as medidas preventivas débese a que ata agora non se ten desenvolto nada serio para súa posta en marcha, a pesar de que a Xunta incluso conta con documentos de base para facelo.

Eis aquí onde radica a verdadeira polémica xerada ao redor do lobo. Non é o lobo, que coma parte do patrimonio natural do territorio é un legado que debemos preservar nas mellores condicións. Radica nunha Administración ausente da súa responsabilidade de proporcionar instrumentos e medidas nesta materia, fenómeno común a outras problemáticas do rural e da súa decadencia. A fórmula non pasa por que se cacen lobos, isto é outra distracción máis ao servizo do desembarco dos grandes lobbys que precisan do territorio.

Os datos de investimentos achegados pola Xunta, dende que se dispuxeron axudas no ano 2004 ata o día de hoxe, son claramente ilustrativos do cativo esforzo, e mostra do desinterese, en proporcionar solucións efectivas para realmente atender ás necesidades das explotacións gandeiras expostas a esta problemática. Realmente non se pode presumir deles, e son exemplo de pouco, non de moito.

A partir do 2004, a Xunta investiu no lobo a cantidade acumulada de 4.109.215 euros. En materia de prevención, a partir do 2005, a cantidade acumulada é de 1.937.341. O actual goberno da Xunta (entre o ano 2009 e 2021) investiu unha media por ano en danos de 260.548,8 euros. A cantidade máis elevada, para o período 2020-2021, cunha dotación de 646.000 euros, que por primeira vez asómase a cifras máis próximas a realidade. O actual goberno da Xunta (entre o ano 2009 e 2021) investiu unha media por ano en prevención de 121.410,84 euros. A cantidade máis elevada, para o período 2020-2021, cunha dotación de 900.000, claramente insuficiente, pois indica que a Xunta destinou anualmente, para cada territorio onde existe unha suposta manda de lobos (no censo figuran 90), a cantidade media de 1.349 euros. Toda esta cantidade tocaría a repartir entre as explotacións existentes nesa zona. Co novo anuncio da Xunta, neste ano 2021, tocarán a 10.000 euros, por cada territorio de manda, polo que vemos que, xa de inmediato, a nova protección, trouxo unha cousa boa. Francia cunha poboación de lobo inferior á presente na Galiza, destina 30 millóns de euros en favorecer a súa coexistencia e atallar os problemas xurdidos pola recolonización de territorios.

Por último, dicir que os datos oficiais dos censos de lobo non indican que a poboación teña experimentado un incremento na Galiza, por moito que se insista no contrario, o número de lobos estaría estancado nas últimas décadas. Haberá que agardar que resultados depara o “censo express” encargado este ano pola Xunta, e ver cal é a tendencia poboacional que se rexistra, e ver a medida real do problema. Cabe preguntarse que fará a Xunta de comprobarse que o número de grupos ten diminuído tal e como apuntan xa algúns indicios.

O Ditame científico recomendaba a inclusión de tódalas poboacións de lobo en España no Listado de Especies Silvestres en réxime de Protección Especial, e acaba co incumprimento de España na aplicación do Convenio de BERNA. Finalmente así se fixo, e iso é bo para a protección do lobo, e non ten por que resultar negativo para as explotacións gandeiras. Sempre que as Administracións asuman a súa responsabilidade de propiciar recursos e instrumentos axeitados, e para os que a caza (legal e ilegal), despois de tantas décadas, tense demostrado coma infrutuosa á hora de solucionar o problema. A incorporación no Listado resulta precisa para proporcionar un mellor marco normativo que protexa a especie, pois a actual xestión que dela se fai para nada e exemplar, tamén na Galiza e, pola contra, ofrece un balance moi negativo tras 35 anos de medidas fracasadas. Que prospere un recurso deste tipo, á vista dos datos existentes, pois non se lle albisca moito recorrido. 

Martiño Nercellas Méndez, biólogo, vogal de Biodiversidade de ADEGA.

escala 1

escala2

escalña3

 

 

Comentarios