Opinión

Devolvámoslle o ceo a Rosalía

Un dos praceres da campaña en favor da estrela Rosalía de Castro foi constatar a gran presenza da noite e do ceo na súa obra. Non debe sorprendernos, por outra parte; na época da escritora a noite conservaba a súa calidade esencial, a escuridade, así que a xente convivía con normalidade co firmamento e coa paisaxe natural nocturna. Por iso nos seus poemas hai estrelas da mañanciña e estrelas que guían o camiño, noites craras de luar mais tamén noites negras “como os pesares que eu teño”. Mesmo poderían diferenciarse na súa produción dous tempos astronómicos: a alborada cantada tantas veces nos Cantares gallegos fronte a noite omnipresente en Follas novas e En las orillas del Sar, unha noite compañeira contra “a luz insolente do día, constante e traidora”. En La Hija del Mar, que escribiu con pouco máis de vinte anos, descríbese con acerto a “fría transparencia peculiar a las noches de invierno”, coa luz da Lúa que deita sobre as cabanas, os montes e a chaira “cierto tinte fantástico”, oposta ás noites de verán, “tan ligeras y tan breves”, mentres as estrelas tapizan o ceo logo do crepúsculo “en apiñados grupos relucientes, como mazorcas de diamantes”.

No 135 cabodano da autora nacional dixen, e reafírmome agora, que quen así escribiu non falaba de oídas. É un ceo visto cos propios ollos, unha noite experimentada co corpo todo, tamén ese arreguizo do abraio ante a natureza na escuridade, ante a nosa extrema fraxilidade que se manifesta con máis elocuencia baixo o firmamento estrelado. Rosalía, visitadora da noite, debeu ser unha atenta observadora das estrelas.

Desde mediados de decembro unha estrela na constelación do Serpentario leva por nome Rosalíadecastro. E ao planeta que a orbita chamámolo Ríosar. Son nomes oficialmente recoñecidos pola Unión Astronómica Internacional e como tales manéxanse xa de forma común. No verán, o Serpentario culmina sobre o horizonte Sur ao comezo da noite. Podo imaxinar a Rosalía saíndo á horta da casa da Matanza nos primeiros días de xullo para gozar da fresca despois da cea, mirando esa rexión do ceo onde hai unha estrela unida a ela para sempre. Podo imaxinala naquel tempo, no século XIX. Porque hoxe Rosalía, na súa casa, tería inmensas dificultades para recoñecerse no ceo. A contaminación luminosa róubanos o patrimonio da noite e corrompe o medio ambiente, a saúde das persoas e un lonxincuo legado cultural irrenunciábel. Non consentiríamos que a Casa de Rosalía se convertese nunha esterqueira, ou que derramasen nela substancias tóxicas, mais aceptamos calados que a insensatez humana lle estrague a paisaxe da noite, que é a metade das nosas vidas. Esa é unha catástrofe que Rosalía non toleraría, unha “profanación sin nombre”, como dixo da tala do bosque centenario de Conxo.

Non podemos permanecer impasíbeis ante esta desfeita ecolóxica e cultural. Rosalía xa ten unha estrela; agora a obriga é devolvérmoslle o ceo.

Comentarios