Opinión

Trapicheo de compresas e o test de Cooper

No instituto público no que estudei eu nos anos noventa do século pasado daba menos apuro pasar un tripi ou unha pedra de costo no medio e medio da aula de Relixión que pedirlle unha compresa a unha compañeira. Facíalo ás agochadas. No corredor. "Tía, púxenme mala: non terás unha compresa?". Quen tiña que entender entendía o que era aquel "estar mala". Nin a gripe nin a mononucleose nin unha amigdalite. 

Lembras o día no que lle dixeches ao profesor de Educación Física que che doía moitísimo a tripa e que tiñas unha hemorraxia terrible e que non estabas para facer o test de Cooper? Eu si: "Ben coñezo eu ás lacazanas da túa caste, que estades coa regra catro semanas ao mes". O resultado, un síncope vasovagal e ir coa Ximnasia a suficiencia. 

Para vivirmos nun recuncho do mundo onde nos lembran cada cinco minutos que temos que nos poñer a parir porque está na nosa responsabilidade reverter o deserto demográfico no que levamos camiño de nos converter, a saúde reprodutiva e sexual semella sempre ser un fastío. Doenzas tan comúns como os ovarios poliquísticos e tan incapacitantes como a endometriose tardan anos en seren diagnosticadas. Cantas veces, na sanidade privada: esa cita da pública que non chega; eses servizos infradotados de persoal. 

En moitos dos hospitais as unidades de infertilidade pechan as fins de semana, festas de gardar e vacacións escolares –como se os ciclos entendesen de calendarios cristiáns– e non poucas das técnicas son subcontratadas –para sorpresa de ninguén– a clínicas privadas, ao igual que derivaron durante anos os abortos terapéuticos a partir de certo número de semanas de xestación a centros sen unidade de coidados intensivos de fóra da comunidade autónoma. En 2016 o Sergas foi condenado a pagarlle unha indemnización de 270.000 euros a unha muller da Mariña que tivo que desprazarse a Madrid para unha interrupción do embarazo na semana 32, por malformacións graves –cuxo diagnóstico fora adiado– nunha xestación desexada. Á doente nin lle facilitaron transporte medicalizado e acabou perdendo o útero nun hospital público madrileño onde chegara de urxencia desde o centro privado asignado para a intervención.

Tamén en 2016, a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto denunciou varios casos nas áreas sanitarias da Coruña e de Ferrol nos que mulleres no segundo e no terceiro trimestre de embarazo, ás que se lles tivo que facer unha interrupción terapéutica por risco para a súa saúde ou morte perinatal, abortaron soas no cuarto ou no baño da habitación, logo de varios días de contraccións e a recoller o seu sangue nunha cuña.

 Co tempo, experimentaches, acompañaches e partillaches con outras relatos dos que só se fala ás agochadas, como a compresa aquela do instituto. Se a compañeira de túa nai pediu cartos para abortar en Londres a finais dos setenta, a túa amiga tivo que ir por un certificado psiquiátrico para a súa interrupción voluntaria de 1999. A esoutra amiga, con tres fillos, que optou por unha IVE aos corenta e tantos, porque non se sentía con forzas para coidar da cuarta crianza, tocoulle aturar hai un par de anos a charla (disque) provida da Red Madre.Comprobas que moitos e algunhas das que están aí para facerche unha citoloxía ou unha conización ou dicirche na ecografía da semana dez que non hai latido non difiren tanto do profesor de Educación Física de segundo de BUP que facía de menos as túas dores de regra. Agora sabes que é unha forma de misoxinia e que se lle di violencia obstétrica.

Iso que chaman a vida fértil das mulleres –e das persoas que menstrúan– chéganos como un suplicio en todos os estadios. Talvez a penitencia que purgamos polo pecado orixinal. A vergonza primeira e os suadoiros atados ao cu. Os "por favor, que non estea preñada", nos vinte. Os "pensas quedar preñada? " das entrevistas de traballo e as reunións familiares nos trinta. Os "por que non quedarei preñada” que te recriminas a ti propia ao declinar a reserva ovárica nos corenta... Case que semella unha beizón o despois, o que acontece ao mudares nunha señora menopáusica histérica, probablemente unha Charo feminazi misándrica. Poñan vostedes os adxectivos esdrúxulos que quixeren. 

Comentarios