Opinión

Eurofanas

Ana Kiro gravou en 1969 un sinxelo titulado Vivo cantando e o seu nome soou para representar a RTVE no Festival de Eurovisión que se había celebrar en Madrid despois do massielazo de Londres. Foi finalmente a catalá Salomé quen interpretou unha canción que pouco máis de memorable ten que o estar inzada de xerundios. Téñense escrito miños e ullas de tinta do que supuxo de manobra publicitaria e de procura de lexitimar o réxime franquista aquel entusiasmo tardosesenteiro polo Festival da Canción de Eurovisión, un concurso nacido despois da Segunda Guerra Mundial do mesmo material co Benelux e a Comunidade Europea do Carbón e o Aceiro.

A xeopolítica de Occidente xógase tamén nos formatos de entretemento e sucede que Eurovisión é o espazo non deportivo máis televisado en todo o mundo, con arredor de 200 millóns de persoas que seguen desde as súas casas a gala final do certame, que se celebra pola volta de maio. O último festival prepandemia, en Israel, deunos para abordar o pinkwashing e para evidenciar que a delegación de Islandia, encabezada polo grupo Hatari, sufriu censuras e multas por parte da Unión Europea de Radiodifusión (UER), a organización, por amosar unhas bandeirolas de apoio a Palestina e saltar a franxa de Gaza para gravar un videoclip co artista palestino Bashar Murad. Islandia é un país especialmente concienciado contra a permisividade da comunidade internacional ante o asedio que sobre o pobo de Palestina. Xa durante o Söngvakeppnin (a preselección que organiza a canle pública de Islandia, a RÚV) foron moitas as voces na illa no medio do Atlántico que reclamaban un boicot ao Estado de Israel e que lles pedían ás súas institucións que non acudisen ao festival.

Islandia é o lugar máis eurofan do mundo. As retransmisións da final do certame, mesmo cando a representación da súa tele pública non acada a clasificación, superan o 95% da cota de pantalla. As Hatari, que é unha banda que se define como anticapitalista, preferiron acudir coa idea, dicían, de mudar as cousas "desde dentro". Da experiencia eurovisiva de Hatari naceu un documental, A Song Called Hate (Unha canción chamada odio) que pode verse en plataformas como Filmin.

Algunhas soñamos co día no que a CRTVG participe por dereito como membro da UER en Eurovisión. A TVG ten perfeccionado desde hai máis de vinte anos o formato de gala en (case) directo por obra e graza do Luar e non suporía moita complexidade argallar unha preselección cando menos á altura das últimas ás que nos ten acostumado TVE, que leva tanto tempo a facer o rañicas coa música ao vivo que ben se lle nota. Se Islandia, coa poboación da provincia de Lugo, dispón dos mecanismos, como non habíamos facelo nós?

As eurofanas galegas temos celebrado como unha vitoria o segundo lugar que acadou en 2003 o grupo belga Urban Trad, que tiña como cantante naquela altura unha outra pandeireteira —como as Tanxugueiras— Verónica Codesal, integrante de Ialma e natural de Guitiriz. Nun estado de papel no que cada ano se alternan a comunidade valona, a flamenga e a xermana para enviaren a súa proposta a Eurovisión, Urban Trad optou por facer o seu tema, Sanomi, nunha lingua inventada.

Oito anos máis adiante, observamos case que con degoiro como Lucía Pérez, do Incio, lenda da Canteira de cantareiras de Luar, esfarelou toda posibilidade para os grandes favoritos, a boyband Auryn, grazas a un troleo masivo perpetrado polas galegas que nin o de Forocoches con John Cobra. Lucía Pérez tivo que apandar co Que me quiten lo bailao, con participio capado e en castelán, unha canción que funcionou moi ben no televoto en lugares cunha avultada comunidade galega —Suíza, Francia, Reino Unido— e tamén en Portugal.

Estamos agora ante a posibilidade eurovisiva de tres mulleres novas galegas que lle dan unha volta á tradición e poñen en discusión as súas coplas para construír unha nova música popular na que recoñecérmonos como país neste século XXI. Que incorpora ritmos contemporáneos e de ultramar, como acontece coa música galega, por outra banda, desde que somos migrantes. Con autotune, se for preciso.

Esta semana de atrás, cando ás Tanxugueiras lles preguntaban os porqués de teren presentado un seu tema para ser preseleccionado para o Festival de Benidorm —que será o paso previo para RTVE escoller a súa candidatura de cara á cita eurovisiva de 2022, en Turín— elas responderon que están dispostas a faceren "a guerra desde dentro", cun tema que definen como "empoderado" e, por suposto, en galego. Un cabalo de Troia mentres anceiamos o día no que poidamos asistir a unha conexión en directo de Neves Rodríguez desde a Porta de Santiago: "Good evening, Europe, this is Lugo calling".

Comentarios