Opinión

É o mercado, amigo

Xela Arias é a quinta muller dun total de 61 autores que resulta homenaxeada no Día das Letras. Lembraba a xornalista Sonia Díaz o 17-M que as mulleres somos case que o 70% das consumidoras de literatura galega e o 40% das autoras. Mulleres son pouco máis dun 20% das persoas con cadeira na Real Academia. Nos últimos lustros, asistimos a unha presenza crecente de nomes de escritoras nas librarías, nos premios literarios e nas listaxes de prescrición escolar. Produce isto unha certa resistencia entre unha parte do sistema cultural galego, que asocia as novas voces a axendas ocultas, cotas e paguiñas, a conspiranoias contra a señorocracia, ditaduras do politicamente correcto e á trampa da diversidade.

Non é doado estabelecer un canon nin definir as dinámicas entre o hexemónico e o marxinal cando a túa estrutura artística e literaria é á súa vez periférica no contexto europeo e occidental. Con todo, é sinxelo comprobar como se desprestixian a novela negra, a fantasía, a narrativa romántica ou a de aventuras. Libros de/para mulleres. Literatura de/para mulleres. Ou, aínda peor, de/para mozas: nin mulleres, sequera; meniñas. Xela Arias rebelábase contra o arquetipo de "chica moderna que escribe en galego" no que temía que a encaixasen no seu tempo.

As mulleres somos case que o 70% das consumidoras de literatura galega e o 40% das autoras

En 2021, nunha decisión que deixou a medio celebrar a Carvalho Calero no curso covídico e que tamén lle roubou un semestre á seguinte homenaxeada, as señoras de a pé e as rapazas lemos a Xela Arias. Escoitámola falar e vímola ollar desafiante, muller, miope e galega, desde as fotografías. Coido que nos máis dos casos non se pode falar de redescuberta, porque cantas de nós non tivéramos oportunidade consciente de nós achegar a ela como poeta. Talvez moitas, grazas a este Día das Letras, puideron poñerlle nome e faciana á muller novísima, case adolescente, ao cargo na editorial Xerais da colección Xabarín; esa primeira xeración Xabarín —que di María Yáñez—, que trouxo para o galego as letras inmortais de Roald Dahl e de Charles Dickens, de Lewis Carroll e de Fenimore Cooper, de Bram Stoker e de Jack London.

Neste mundo noso as señoras somos as que gastamos os cartos nas librarías, as que creamos clubs de lectura e acudimos a canta presentación e acto cultural se convoca. Somos máis nas bibliotecas e somos quen damos aulas de lingua e literatura galega en infantil, primaria, secundaria e no ensino de persoas adultas. As máis das veces, facémolo como un outro xeito de militancia e de compromiso co país. Pois ben, aínda así, hai a quen lles parecen mal as nosas escollas. Non sabemos máis. Non temos gusto. Sacrificamos, din, o goce estético da arte en estado puro en detrimento de narrativas e líricas, dramas, comedias e ensaios cuxo único valor é o panfletario: xa for ecofeminista, cuir, ou antirracista. Xa saben, modas pasaxeiras. Nada do que verdade importa.

Xela Arias rebelábase contra o arquetipo de "chica moderna que escribe en galego" no que temía que a encaixasen 

Non é exclusivo de Galicia nin do noso sistema cultural que os xéneros e os formatos preferidos por colectivos minoritarios, como pode ser o LGTBi+, ou minorizados, como somos as mulleres —unha metade da poboación á que se lle nega a ollada do universal—, sexan vilipendiados e diminuídos. Sucede —sen ir máis lonxe— con Eurovisión, un espectáculo televisivo polo que devecemos gais e marilendias, e ocorreu no século XVIII en Inglaterra coa novela, un xénero narrativo de consideración menor por ser o preferido de rexionalistas, nacionalistas, folcloristas, secesionistas, abolicionistas da escravitude... e mulleres. Xa no XIX chegaron os señoros ás novelas e, claro, as novelas deviñeron en algo grande e de importancia: universais.

Gañarmos espazos e discursos desde as marxes resulta un proceso laborioso. Espreita, negociación, cuestionamento. Loita e activismo. Cultura da cancelación, disque. Como se non nos tivésemos dado de fociños durante décadas con obras literarias —seica— nin feministas nin ecoloxistas nin cuir nin antirracistas que, por riba, son unha broza e están fatalmente escritas. Agora dicímolo. Sinalámolo. Actuamos en consecuencia. É o mercado, amigo. Sete de cada dez persoas que lemos en galego somos mulleres; eis o noso superpoder.

Comentarios