Opinión

Xuño

Xuño adoita ser un mes complexo. Concentra nas súas semanas cansazo e ansiedade. E canda elas a excitación, a irascibilidade, a impaciencia ou a tristeza que non sempre somos quen de controlar.
Todos os xuños son difíciles. E o deste ano éo aínda máis.

Se alguén escoitase as conversas que temos estes días moitas docentes, sentiría falar de insomnio, contracturas, cefaleas e as máis diversas somatizacións do estrés ao que nos vemos sometidas, tanto docentes, como alumnado. Mais, todas e todos aceptamos esta situación coma se fose natural, sen reparar nas consecuencias a longo prazo.

Ademais, contamos cuns responsábeis de Educación que están moi lonxe de ter en consideración este contexto laboral. Porque, se lle chamamos ás cousas polo seu nome, isto é un risco laboral con todas as letras (buscade por aí e veredes que a definición de risco laboral é, entre outras, todo o que poida producir un dano físico ou psicolóxico no ámbito laboral).

Pero o persoal docente xa estivo excluído durante décadas do seguimento médico laboral ao que obriga o Estatuto do traballo (até que a CIG-Ensino esixiu o dereito nos tribunais), e a día de hoxe segue sen contar cun catálogo de enfermidades profesionais... así de sas somos, disque.

É máis, este equipo da Consellaría tennos en tan alta estima que para este curso impúxonos, sobre a marcha, unha modificación das sacrosantas programacións e dúas avaliacións dentro do mesmo mes de xuño, xa de por si tenso. E non contenta con isto, sen saber o que vai dar de si este experimento elévao á lexislación que vai regular os anos futuros. Á demanda da CIG-Ensino de que non impoñan este despropósito que non conta nin coa análise, nin co contraste deste ano, o representante da Consellaría respondeu: "O profesorado é capaz de solucionar todos os problemas deste cambio".

Pero eu, por máis que me poño diante do espello, non me vexo a coiraza metálica de Afrodita A, aínda que me gustaría ter o poder do seu puño de ferro contra tanta desconsideración.

Comentarios