Opinión

Xela, lingua

"Eu creo que en Galicia debíase falar sempre en galego”. Así respondía Xela Arias con tan só once anos ao ser entrevistada polo Faro de Vigo en maio de 1973. Acababa de gañar o seu primeiro premio literario, o de contos do Facho, co texto titulado: “A fraga dos paxaros faladores. A fraga leopardicia”. Non era o primeiro conto que escribía, pois, segundo lemos hoxe, a nena xa xogaba co seu irmán a escribir e competía con el para ver quen lía máis e antes. De feito, en Non te amola! a nena de 9 anos que nos fala desde o relato, conta deses hábitos. 

Xela era unha nena galego falante, mais iso non sería suficiente para hoxe estarmos nós a lle celebrar as letras. Foi tamén galego amante e fixo da lingua o fulcro ao redor do cal xirou a súa vida, coa mesma determinación que aproveitou cada cambio lexislativo para acadar o seu nome tamén nos documentos oficiais. 

Cando lemos Non te amola! situado na infancia e escrito en plena madurez, percibimos o apego á cultura que pariu a lingua e gozamos da expresión e do léxico de cada páxina, un idiolecto literario que non perdeu o pouso lucense malia os anos transcorridos en Vigo. Xustamente a lingua aprendida na casa de Sarria daríalle a oportunidade de vivir pegada aos libros ao se converter na primeira traballadora de Xerais. E igual que se suceden os elos dunha cadea traduciu, creou e publicou colocando páxinas e máis páxinas na nosa lingua. 

No final da década dos 80, en entrevistas e antoloxías, deixou constancia de que consideraba que escribir en galego era un exercicio de francotiradores, un diagnóstico que a impelía a reclamar máis espazo para a nosa literatura, “poderíase crear un ámbito máis aberto no que a xente entrase”. Tamén deixou dito, como declaración de principios, que ela nunca cambiaría de lingua por moitas portas que se lle pechasen por escribir neste noso idioma. Porque, como manifesta na revista Congostra: “Escribo en galego porque estou aquí e, desde logo, Galicia pertence, aínda, aos derrotados”. 

Comentarios